Burela, 13 de maio, 2021. A DG Mare da Comisión Europea, o Ministerio de Pesca e a Consellería do Mar estarán representadas nas Xornadas Técnicas que a Fundación Expomar organiza a vindeira semana baixo o título “2021: Odisea na Pesca”, nunha clara mención ás dificultades e desafíos que ten que afrontar o sector pesqueiro nesta época marcada pola pandemia da Covid-19.
As Xornadas Técnicas 2021 contarán coa participación de Emilia Gargallo, de DG Mare da Comisión Europea; Javier Garat, secretario xeral de Cepesca e presidente de Europeche; Isabel Artime, directora xeral de pesca sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e Rosa Quintana, conselleira do mar da Xunta de Galicia, que se encargará de clausurar esta edición.
Despois da presentación a cargo do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, a directora xeral de Pesca Sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, abrirá a xornada coa súa ponencia «Principais retos do sector pesqueiro español».
Representando á dirección xeral de asuntos marítimos e de pesca da Comisión Europea, Emilia Gargallo realizará a súa ponencia «Estratexia da granxa á mesa: que lle depara ao sector da pesca?».
E finalmente Javier Garat, secretario xeral da Conferedación Española de Pesca (Cepesca) e presidente da Asociación das Organizacións Nacionais de Empresas Pesqueiras da Unión Europea (Europêche) realizará unha «Análise da situación pesqueira» desde a perspectiva do sector empresarial.
A xornada, que terá lugar entre as 10:00h e as 13:00h, estará moderada de novo polo director de Abanca Mar, Javier Fraga, e poderase seguir a través de internet, rexistrándose previamente na web www.expomar.com.
O venres 21 pola mañá celebrarase o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reunirá de maneira virtual ás principais entidades representativas da frota galega e do sector pesqueiro a nivel nacional.
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están organizados pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.