Site icon Crónica3.com A Mariña

Ás praias da Marosa, Ril e Portelo, o barco museo, o centro de educación ambiental Gaia e á ruta do litoral ondearán bandeira azul en Burela este ano

Burela, 11 de maio de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, fai un balance positivo das bandeiras azuis concedidas ás praias da Marosa, Ril e Portelo, ao barco museo, ao centro de educación ambiental Gaia e á ruta do litoral burelés. E indicou que é froito do bo traballo que se está a realizar desde o Concello.

O rexedor subliñou que “o cen por cen do que se solicitou foi concedido e por tanto vamos ter bandeira azul nas praias da Marosa, Ril e Portelo. Nos areais o Concello de Burela procura ter os servizos sempre atendidos perfectamente, tanto de seguridade a través dos socorristas como tamén doutro tipo de cuestións que son necesarias: as papeleiras, os parasoles e todo aquilo que complementa e fai as praias atractivas. Ademais vamos arranxalas para finais deste mes de maio, virá unha pala para colocar area e distribuíla de maneira que a xente poida aproveitala da mellor maneira posible”.

Alfredo Llano dixo que “tamén recibimos outras 3 bandeiras azuis, que xa son clásicas no noso concello, como é a do centro de educación ambiental Gaia, que programa moitas actividades para diferentes públicos e iso ten moita importancia para nós. Ademais o barco museo, que a recibe con todo merecemento porque é a única embarcación destas características flotante en todo o Estado español e serve para explicar claramente o que é a pesca do bonito. Por iso calquera persoa que o visite sae coa idea clara de cómo se pesca o bonito e se trata o peixe, que se captura dunha maneira artesanal, causando o menor dano posible e cunha garantía de calidade extraordinaria”.

E engadiu: “tamén temos o sendeiro con bandeira azul e de cara ao ano que vén estamos estudando a posibilidade de propoñer outras rutas que estamos configurando para telas listas o antes posible e intentar que consigan tamén este recoñecemento porque no Concello de Burela queremos darlle un vigor importantísimo a todo o relativo ao medio ambiente. E para iso estamos traballando polo clima e a enerxía e noutros proxectos que iremos avanzando pouco a pouco”.

O alcalde burelés manifestou que “as bandeiras azuis conséguense moi fácil se se traballa ben e penso que o estamos facendo así en todos os eidos que se asocian a unha boa calidade das praias. Pero esperemos que agora ao facer a petición dos socorristas, a través dos plans de cooperación, se poida conseguir que as tres praias nosas con bandeira azul conten cos profesionais suficientes para garantir a seguridade nestes areais. O ano pasado tivéramos que baixar nun momento dado a bandeira na praia de Ril porque foi imposible dispoñer de todos os profesionais que facían falta. Antes dábannos dez socorristas durante tres meses, pero nos últimos anos concedéronnos menos e só para dous meses, polo que hai moitos rapaces que optan por buscar outros traballos antes que estar de socorristas dous meses soamente. Polo tanto a ver se a Xunta atende a nosa solicitude de aumentar a duración dos contratos e tamén o número de socorristas para o concello”.

Para Llano “esta é unha boa noticia para o noso concello e vamos procurar seguir facendo as cousas ben para que se sigan mantendo en anos sucesivos estes recoñecementos de bandeiras azuis”.

Exit mobile version