Site icon Crónica3.com A Mariña

As guerreiras xa están na final tras derrotar ao Futsi

Burela, 1 de maio, 2021. O Pescados Rubén Burela FS desbancou o Futsi Atlético Navalcarnero (0-1) nunha semifinal con sabor a título, nunha cita moi igualada, de detalles, de alternativas e alternancias. O gol de Ale de Paz, no rexeite dunha falta, proporciónalles o billete á mariñás, que demostaron o seu xen competitivo e que como grupo as batallas tamén se gañan sabendo sufrir. As Guerreiras Laranxas pelexarán polo seu terceiro título consecutivo de Copa, fronte ao Torreblanca Melilla, que superou a Universidad de Alicante (2-7) na inauguración da tarde. A gran final decidirase mañá ás 19.00 horas, en directo por Teledeporte.

A segunda semifinal de Las Rozas demostrou sobre a pista o gran duelo de titáns de dous conxuntos que se coñecen moi ben, cunha primeira parte moi equilibrada con máis dominio das madrileñas. O Pescados Rubén Burela FS aplicouse en defensa fronte á presión de Futsi, que non deixou de entorpecer a conexión das mariñás con Dany liderando a súa lista de prioridades. Peque avisou no primeiro minuto á contra e contestaron as madrileñas, con máis posesión no tramo inicial, tamén en recuperación con Ju Delgado e Ari. Superado o ecuador do primeiro acto, ambas as redes protatonizaron alternancia de perigo; tras o centro de Luísa Mayara ao que non puido chegar por moi pouco Ale de Paz, Ju Delgado rozou o traveseiro de Jozi Oliveira. Dany, nun pase longo, e Ale, en rexeite desde estratexia, protagonizaron as mellores galegas antes do descanso (minutos 17 e 18).

Ale de Paz inaugurou o luminoso no minuto 25, cazando o rexeite da súa propia tentativa en falta. A de Neda tivera outra de ouro segundos antes nun pase de tacón de Peque nun regreso á pista en que avisaran tamén o pase de Leti a Ame Romero, que non conseguiu rematar de cabeza, e Anita Luján, coa intervención a 17 laranxa en última instancia. Nunha segunda parte co Pescados Rubén Burela FS dando un paso adiante creando e xerando, o equipo galego sumou a quinta falta con case 10 minutos por diante e Futsi fixo o propio con 8, pero a intensidade non diminuíu. Non deixou de buscar o segundo o conxunto de Lucas, cun gran remate de Peque e Dany rozando o pau. Jozi Oliveira, no 35, mantivo a vantaxe das Guerreiras no dobre penalti de Ari. Foi o momento de Futsi para apostar por xogo de cinco con Anita Luján. As mariñás non puideron aproveitar dúas a porta baleira, de Ale e Peque, nin o dobre penalti da de Neda para clasificarse cun marcador máis cómodo.

Ficha técnica

Futsi Atlético Navalcarnero: Belén, Ari, Leti, Ju Delgado, Ame Romero, cinco inicial; tamén xogaron María Sanz, Anita Luján, Irene, Becha, Lora, Marta Balbuena

Pescados Rubén Burela FS: Jozi Oliveira, Dany, Peque, Cami, Ale de Paz, cinco inicial; tamén xogaron M. Cortés, Bea Mateos, Jane, Luísa Mayara

Goles: 0-1, minuto 25, Ale de Paz

Árbitros: Diego Martínez // Antonio Navarro // Sara Gutiérrez. Por Futsi amarela para Becha (minuto 13), Lora (minuto 31), Ari (minuto 32). Por Burela amarela para Bea Mateos (minuto 29).

Incidencias: Segunda semifinal de Copa de S.M. A Raíña (Las Rozas, 30 de abril-2 de maio) emitido en directo por Teledeporte.

Exit mobile version