O delegado territorial participou na presentación da proposta “Volve a encontrar o norte”, coa que a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense promociona a oferta turística do xeodestino. Destacou a diversidade que ofrece a comarca, que tanto permite o turismo de praia como o de interior, experiencias na natureza, visitas culturais ou actividades deportivas, “sen esquecer unha extraordinaria gastronomía, baseada nos produtos da zona e con unha cada vez más ampla oferta de restauración de calidade”.
A Xunta de Galicia colabora coa Mancomunidade financiando as accións de difusión e dinamización do xeodestino, ás que achega 92.000 euros segundo o último convenio asinado. Tamén colabora cos concellos, tanto no desenvolvemento de iniciativas como na mellora das infraestruturas turísticas.
Plan de sustentabilidade
O Goberno galego impulsa un Plan de Sustentabilidade Turística para a Mariña lucense, que presentará por segundo ano á convocatoria de achegas da Secretaría de Estado de Turismo para este tipo de proxectos, agardando que esta vez resulte seleccionado.
O plan conta cun investimento da Xunta de 1,3 millóns de euros para os vindeiros tres anos, que representa o 45% do orzamento total. O proxecto estaba incluído na proposta remitida ao Ministerio de Turismo o ano pasado, e atopábase entre os catro con mellor puntuación, xunto con Ourense Termal e os dous aprobados polo Goberno central, que foron os de Santiago de Compostela e o da Ribeira Sacra.
O Plan de sustentabilidade turística ten en conta a importancia do potencial turístico da Mariña lucense e aposta pola súa transformación cun modelo máis competitivo, innovador e participativo. O obxectivo é reforzar a confianza do viaxeiro e fomentar a comarca como destino seguro tras o impacto da crise do coronavirus. O proxecto xustifícase na necesidade de poñer en valor os recursos das áreas rurais con potencial turístico e de atraer aos visitantes a un espazo que conta con todos os atractivos para a recuperación do sector logo da pandemia.