Burela, 27 de maio, 2021. O Pescados Rubén Burela FS encomendarase a Vista Alegre para decidir o seu futuro tras o empate ante Besoccer CD UMA Antequera (4-4). O xogo de cinco conseguiu suplir esta tarde o infortunio na finalización para os mariñáns remontando o 4-1, con outro punto de ouro neste maratón para chegar ao domingo, ao final de liga, con opcións de eludir a fase de play out, marcada na 15ª posición.
Xornada unificada, 18.00 horas, Palma Futsal
Con 37 puntos e empatados con Córdoba, os laranxas defenderán a súa actual 14ª praza, libre de perigo, na xornada unificada fronte a Palma Futsal (18.00 horas); os cordobeses visitarán a pista do Jaén.
Fronte á posesión galega, os andaluces puxeron a eficacia á contra, cun minuto de ouro rozando o ecuador da primeira parte e dobrete de Cobarro. Tentouno Matamoros en varias ocasións, Quintela non puido aproveitar as súas chegadas na área andaluza pero aí estaba Renato no 17 para culminar en xogada ensaiada de banda a banda. Antequera volveu poñer perigo en transición. No 19, volveu ampliar a vantaxe nun pase longo do ex dos laranxas Ramón Vargas que tocou lixeiramente de novo Cobarro.
Renato, de lonxe, e Quintela, a balón parado, avisaron no regreso ao escenario andaluz fronte a un Cone moi oportuno. Buscaron con empeño a rede malagueña os de Sito Rivera cun goteo incesante. Cando máis o merecía o Pescados Rubén, Antequera atopou o cuarto cun recorte pola banda de David para cederlla a Joaki, nun man a man co de Narón. Respondeu o conxunto galego con xogo de cinco; puido recortar rapidamente con Quintela (minuto 32). Non cesou de perseguir a remontada a escuadra burelista con porteiro xogador cun asedio sen tregua e así Matamoros, con pouco máis dun minuto por diante, e Iago Míguez, a falta de 58 segundos, conseguiron a igualada cuns últimos compases de vertixe. O quinto acariñouse.
Ficha técnica
Besoccer CD UMA Antequera: Cone, Alvarito, Cobarro, David Velasco, Miguel, cinco inicial; tamén xogaron Nando, Javi Amorós, Raúl Canto, Óscar, Joaki, Vargas
Pescados Rubén Burela FS: Edu, LuchoLoito, Pitero, Javi Rodríguez, Giasson, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, David Pazos, Renato, Quintela, Álex Diz
Goles: 1-0, minuto 10, Cobarro; 2-0, minuto 10, Cobarro; 2-1, minuto 17, Renato; 3-1, minuto 19, Cobarro; 4-1, minuto 30, Joaki; 4-2, minuto 32, Quintela; 4-3, minuto 39, Matamoros; 4-4, minuto 40, Iago Míguez
Árbitros: Felipe Madorrán // Urdanoz Apezteguia. Por Burela amarilla para Quintela (minuto 22), Javi Rodríguez (minuto 36), Nito (minuto 40)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 31 de Primeira División Masculina disputado no Fernando Argüelles.