Agromuralla asegura que “a invasión é bestial e xa se están a producir danos nas terras recén labradas de millo”. “O número de xabaríns é tal que non esperan nin sequera a que o millo estea nacido para ir a el, senón que seguen os regos para desenterrar os grans xusto despois da sementeira”, denuncian. “O que os gandeiros labramos polo día desentérrano os xabaríns pola noite, perdemos a semente, o abono e o traballo. Se xa estamos a ter esta cantidade de danos a estas alturas non quero nin pensar o que ocorrerá cando o millo bote a espiga e se achegue ao momento da recollida”, asegura Roberto López, presidente de Agromuralla.
Levantando a sementeira
Numerosos gandeiros das provincias da Lugo e da Coruña que comezaron nas últimas semanas a labrar o millo nas súas terras están a sufrir os “ataques” do xabarín aos cultivos, obrigando en moitos casos a volver a resementar as leiras e provocando cuantiosos danos e perdas económicas ás explotacións, denuncia Agromuralla, que lembra que o cultivo dunha hectárea de millo custa de media uns 1.200 euros.
En Galicia seméntanse unhas 70.000 hectáreas de millo forraxeiro cada ano, o que representa o 60% deste cultivo no conxunto do Estado. O millo é, xunto coa herba, a principal fonte para a alimentación do gando, sendo a produción de forraxes propias para autoabastecemento das granxas unha das vías para o incremento da rendibilidade das explotacións. “O único xeito que temos de abaratar os custos de produción as ganderías de leite é producindo as nosas propias forraxes, pero o xabarín é un atranco importantísimo. Provoca danos gravísimos nos cultivos e ensilaxes de peor calidade, o que nos obriga a mercar insumos, multiplicando así os gastos, máis aínda nun ano de subas nos custos dos cereais e as materias primas, que se materializou nunha escalada do 40% do prezo do millo e un 30% o da soia”, detalla Roberto López.
As medidas actuais son insuficientes
A asociación de gandeiras e gandeiros acusa á Xunta de “non tomarse en serio o problema” e levar anos “non facendo caso ás queixas do sector agrogandeiro ante uns danos que van a máis cada ano”. “Pedímoslle á Xunta que actúe porque as medidas establecidas neste momento son claramente insuficientes para o control da praga. Non pode quedar exclusivamente nas mans dos cazadores a responsabilidade, a Administración tamén ten que implicarse”, defende Agromuralla.
“A Xunta fixo caso omiso ás advertencias dos gandeiros, non actuou a tempo e agora o problema está descontrolado. Medio Rural tira balóns fóra para Medio Ambiente e tanto unha como a outra consellería lávanse as mans”, asegura Roberto López, que considera que “non se trata só dun problema dos gandeiros, senón dunha praga que afecta ao conxunto da sociedade tanto porque os xabaríns provocan accidentes de tráfico e son un dos principais factores de sinistralidade vial nas estradas como polo risco de transmisión de enfermidades, como a peste porcina africana”, indica.
Fondo de Compensación de Danos
A Lei de Caza de Galicia, Lei 13/2013, establece a responsabilidade compartida de Tecores e Administración autonómica nos danos que causa a fauna salvaxe. O protocolo actual fixa dúas vías de actuación: por un lado a autorización de esperas e batidas por parte dos Cotos de Caza naquelas zonas con danos recurrentes e, por outro, as indemnizacións por danos en base á convocatoria aberta até final de ano (Orde do 17 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas).
Sen embargo, estima Agromuralla, “as batidas que se fan son claramente insuficientes e as cantidades indeminizatorias son ridículas, tendo que ter unha cantidade mínima de superficie danada para que che recoñezan o dereito”, explican. O protocolo obriga a avisar ao 012 para que veñan os técnicos de Medio Ambiente a levantar acta pero moitas veces os destrozos séguense a producir unha vez valorada a acta de inspección de danos.
A Administración galega ten a obriga de compensar os danos aos gandeiros, xa que o artigo 62.4 da Lei establece que “a Xunta de Galicia, no exercicio das competencias que lle son propias, constituirá un Fondo de Corresponsabilidade para contribuir á prevención e compensación dos danos que causan as especies cinexéticas nas explotacións agrarias” e detalla que “este fondo nutrirase coas aportacións da Administración autonómica”.
Ordenación do territorio
Máis alá destas axudas por danos, Agromuralla solicita que se adopten medidas preventivas, ás que a propia Lei fai referencia, como por exemplo a creación de comedeiros nos montes para reducir a baixada de xabaríns ás zonas de cultivo, ou outras de carácter estrutural que teñen que ver coa ordenación do territorio e o abandono de fincas agrarias, o que provoca neste momento que os xabaríns dispoñan de lugares onde agocharse preto das casas e as fincas.
Agromuralla acusa ademáis á Xunta de “provocar coa súa inacción o enfrontamento entre gandeiros e cazadores”. “A sociedade rural xa está dabondo fragmentada, e cuestións coma esta provocan o enfrontamento dos veciños, xa que obrigan ás explotacións a reclamar contra os Tecores, é dicir, reclamar contra os veciños, ou mesmo en moitos casos, cando os gandeiros son tamén membros dos cotos de caza, a reclamar contra si mesmos. Non se lles pode trasladar a responsabilidade de control dunha praga como é hoxe o xabarín exclusivamente aos cotos de caza”, considera Roberto López.