Ribadeo, 10 de maio de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, referiuse á ilusión do reencontro vivido onte pola veciñanza asturiana e galega a ambos lados da ría e subliñou que “reanudamos así unha relación de sempre, que só o covid puido cortar un tempo, pero que se cadra, agora e nos próximos tempos imos ir reforzando”.
O rexedor dixo que “podemos falar con certa ilusión do reencontro que vivimos xa onte cos nosos amigos e amigas da Veiga, de Castropol, de Navia, de Taramundi, de Tapia, dos Oscos e en xeral de toda a comarca do Occidente asturiano. Cónstame tamén que unha chea de xente de Ribadeo e da Mariña aproveitamos para cruzar a ponte e achegarnos a onde había tempo que non íamos. Reanudamos así unha relación de sempre, que só o covid puido cortar un tempo, pero que si cadra, agora e nos próximos tempos imos ir reforzando”.
Fernando Suárez anunciou que “desde o Concello estamos a preparar accións importantes para seguir facendo de Ribadeo un lugar de parada obrigada. Non obrigada porque haxa que parar á forza, senón porque os servizos e as posibilidades de atopar aquí un quere desde logo que se van ver incrementadas. Na cultura, no comercio, etc… desde Ribadeo volveremos ser un referente para unha amplísima zona da Mariña luguesa e do Occidente de Asturias”.
O alcalde fixo unha chamada á responsabilidade: “mentres que non se nos vaia a cabeza, debemos manter e facer todo canto nos digan as autoridades sanitarias. A cousa non pinta mal se o facemos ben, pero se non actuamos correctamente, coa máscara, coa distancia, etc…, quizais en poucas semanas teñamos que volver todo para atrás. Así que fagámolo ben, por favor, entre todos e todas”.