O alcalde burelés dixo que “temos a grande satisfacción de relembrar edicións anteriores e imos recibir hoxe ás oito da tarde no Concello de Burela, ás xogadoras, ao equipo técnico, á directiva e a todo o mundo que queira vir. Invitamos a todos os veciños e veciñas de Burela a que acudan ao Concello para recibir ás xogadoras e a todo o equipo”.
O rexedor subliñou que “é moi importante o que está ocorrendo co fútbol sala aquí en Burela. Hai que ter en conta que xa foi nomeado o mellor equipo do mundo de fútbol sala feminino e están sendo coherentes porque certamente están dicindo que si é o mellor equipo do mundo, xa que o que fixeron agora na Copa da Raíña foi espectacular como na súa traxectoria en xeral tanto na Liga como nos diferentes trofeos”.
Alfredo Llano engadiu: “no nome do pobo de Burela estamos todos moi contentos de que isto sexa así. Están dando a cara e son unha referencia clarísima do que é o fútbol sala a nivel mundial. Iso dá moita importancia ao noso concello e ao noso deporte”.