Site icon Crónica3.com A Mariña

ACIA Burela afirma que defende o tecido empresarial a diferenza do Concello

Burela, 19 de maio de 2021. O alcalde do Concello de Burela segue na súa teima de afirmar e presumir do compromiso e empatía que a administración local ten co comercio e a hostalería, porén esta situación está moi afastada ao que é a realidade.

Hai casos nos que aos solicitantes da axuda non se lles deu porque dado o longo período de tempo que durou o proceso, caducáronlles certificados que eran indispensables para a aceptación da subvención. Un proceso que non foi todo o transparente que se pode esperar dun goberno municipal, o que provocou bastante confusión e incerteza entre os posible solicitantes. Dende ACIA non estamos a criticar as axudas directas que lanzou a administración local, estamos a cuestionar a pouca empatía que se amosa de cara aos problemas e a complicada situación que o sector servizos está pasando nestes momentos por mor da pandemia. Ademais, os empresarios e autónomos sentiron unha gran falta de información personalizada e publicidade por parte dos Concellos en relación a estas axudas, Burela é unha vila pequena na que todos nos coñecemos e pensamos que a administración municipal puido ter mellor informado aos hostaleiros das axudas e requisitos para cada un deles.

A maiores, os asociados e asociadas cremos firmemente que se podían facer máis campañas e actividades de apoio ao comercio e hostalería local sen que esteamos pedindo diñeiro directo para cada unha das empresas. En definitiva, o goberno municipal debe poñerse as pilas para sacar adiante e facer realidade diferentes iniciativas que lle dean un empuxón a visibilidade do comercio e a hostalería de Burela a través, por exemplo, das redes sociais ou accións que animen á poboación a acudir aos establecementos de proximidade.

No eido das reunións das que fala o alcalde nas súas declaracións, aclarar que eran estritamente informativas. Os membros de ACIA Burela que acudiron a ditas xuntanzas en ningún momento participaron de ningunha decisión, o que si, aportáronse distintas ideas para fomentar as compras no comercio de proximidade pero con caso omiso por parte da corporación municipal.

Por outra banda, Llano asegura que colaboraron cos establecementos na distribución de xel hidroalcohólico e nas tarefas de limpeza. Con respecto a isto, a realidade foi que o Concello mercou garrafas de xel para que os comerciantes e hostaleiros fosen á Casa Consistorial a encher as súas botellas, unha medida non demasiado hixiénica para as circunstancias nas que vivimos. Ademais, cada traballador limpou o seu propio local e o goberno municipal nin lles facilitou medios nin ningún outro tipo de axuda.

Como ben resalta o rexedor da vila, a nota de prensa enviouna ACIA Burela, pero como parte da veciñanza que somos os socios e socias da entidade falamos e temos contacto co resto de persoas que conformar o tecido empresarial do municipio, polo que temos información de primeira man das queixas e problemas do sector. A asociación defende todo o tecido empresarial burelense, sexa ou non asociado.

Exit mobile version