Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ve ilóxico que o goberno central saque da manga un requisito que xamais foi pedido desde que existen os plans xerais de explotación marisqueira

Moaña, 25 de maio de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, manifestou hoxe a perplexidade da Xunta ante o recurso presentado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para derrogar o Plan Xeral de Explotación Marisqueira do período 2021-2023. Nesta liña sinalou que resulta chocante e incomprensible que o Goberno central saque agora da manga o requisito de exixir un informe da Dirección Xeral da Costa e o Mar para o outorgamento de zonas de explotación marisqueira, en réxime de autorización ou concesión, un aspecto que, apuntou, non é necesario e que de feito nunca foi solicitado desde que os plans xerais entraron en vigor nos anos 90.

Así o sinalou durante unha visita ao punto de control de marisqueo da praia da Xunqueira, en Moaña, onde subliñou que resulta ilóxico ese requisito posto que o plan para os anos 2021-2023 segue a liña dos plans anuais anteriores para os que non se requiría ese informe e que en ningún caso foron recorridos polo Executivo do Estado.

De feito, tal e como aclarou Galicia na resposta ao requirimento previo á presentación do recurso, o plan ao igual que os anteriores non outorga zonas de explotación marisqueira, nin en réxime de autorización nin de concesión, polo que non é necesario o informe sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre, insistiu. Esta folla de ruta, explicou a titular de Mar, limítase a recoller o conxunto de normas e directrices destinadas a regular e programar a explotación sustentable dos recursos marisqueiros nas distintas zonas de traballo existentes.

Nesta liña, Rosa Quintana lamentou a falta de sensibilidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica coa cadea mar-industria, obviando a súa realidade unha vez máis, neste caso ao poñer en tea de xuízo décadas de historia de xestión da actividade. Un labor, incidiu a conselleira, realizado conxuntamente pola Administración galega e polo sector para o desenvolvemento dunha actividade sustentable e responsable.

Ao mesmo tempo manifestou que a Xunta cumpre estritamente coa lexislación e seguirá defendendo os intereses do sector ata o final fronte a un recurso que supón xogar co seu futuro e poñelo en risco. Ademais Rosa Quintana puxo en valor o papel do sector marisqueiro que practica unha actividade totalmente artesanal e respectuosa co medio ambiente e que caracteriza a Galicia, onde arredor dunhas 9.000 persoas viven desta actividade.

Mellora dos bancos marisqueiros
En canto aos apoios ao marisqueo, a conselleira do Mar lembrou durante a visita que o Goberno galego puxo a disposición do sector un crédito inicial de 1,3 millóns de euros a través de dúas ordes de axudas. Unha delas para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, cofinanciada co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. A outra orde de axudas é financiada integramente con fondos propios e destínase a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción.

Ambas convocatorias, especificou Rosa Quintana, están en fase de resolución e ao mesmo tempo estase tramitando o incremento de crédito das dúas co obxectivo de atender un maior número de solicitudes presentadas. A maiores lembrou que estas subvencións contribúen tamén a apoiar accións de mellora da produtividade en bancos marisqueiros afectados polas condicións meteorolóxicas adversas do inverno.

En relación á confraría de Moaña, a titular de Mar informou que para a convocatoria deste ano de ambas ordes presentou sendos proxectos que teñen como fin mellorar a produción e protexer o ecosistema da zona da praia da Xunqueira que hoxe visitou a conselleira acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Exit mobile version