O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que en conxunto estas limpezas afectan a preto de 10 quilómetros de treitos interurbanos destes ríos, practicamente a metade no Xunqueira (4.967 metros), e o resto no Xunco (2.514 metros) e Nois (1.820 metros).
Son actuacións preventivas que executa a Xunta para mellorar o comportamento hidráulico e minimizar os efectos das posibles enchentes. En concreto, realízanse labores de retirada da vexetación do leito, árbores e pólas caídas así como silvas, carrizos ou fentos, e elimínanse as obstrucións que puideran entorpecer o curso da corrente.
Arias subliñou que a Xunta programa continuamente este tipo de intervencións, a través de Augas de Galicia, no marco do plan de mantemento, conservación e mellora no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.