Vega explica que as obras, en fase de licitación, pretenden garantir a conservación das pinturas murais de temática mariñeira do templo que datan do século XVI e que son únicas en Galicia. Destaca tamén “o gran valor cultural da nosa capela de estilo renacentista dos séculos XVI e XVII que ten a consideración de Ben Catalogado Inventariado”.
A Xunta intervirá, ademais, na mellora do templo ao detectar problemas derivados das humidades que afectan tanto ao interior coma ao exterior. Así, o proxecto recolle a retirada do revestimento interior para favorecer a ventilación e a renovación do sistema de iluminación; e, no exterior, retirarase a escada adosada que está a provocar a entrada de auga ao interior do muro, substituirase a lousa e colocaranse canlóns e baixantes; ademais de actuar no revestimento.
Camiño Norte e Romaxe das Cruces
Daniel Vega subliña que “esta igrexa se sitúa á beira do Camiño Norte de Santiago ao seu paso polo municipio de Ribadeo” e, ademais, lembra “o simbolismo do santuario das Virtudes onde se celebra a Romaxe das Cruces, declarada Festa de Interese Turístico Galego”.
O portavoz e a concelleira Begoña Sanjurjo mantiveron unha xuntanza cos responsables da asociación de veciños que representa a Bestilleiros, Vilamariz e A Ponte, a entidade encargada da organización da celebración desta festa en conmemoración da vitoria dos veciños de sete parroquias de Ribadeo e Trabada sobre as tropas de Napoleón. “A romaría tería lugar este luns, pero lamentablemente é o segundo ano consecutivo que non se celebra debido á situación sanitaria derivada da covid-19”, explica.