Lugo, 2 de maio de 2021. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, publicou esta semana a resolución de nove actuacións para crear ou mellorar infraestruturas municipais noutros tantos concellos da provincia de Lugo, cun orzamento de preto de 520.000 euros. Estes novos plans, que apostan pola mellora da urbanización, equipamentos e recuperación de espazos públicos, levaranse a cabo nos concellos de Antas de Ulla, Barreiros, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Pol, Trabada, O Vicedo e Vilalba.
As obras de maior contía do coñecido como Plan Hurbe corresponden ás intervencións que se farán nos concellos de Cospeito, Trabada e Vilalba, todos eles cun presuposto de 67.760 euros. En Feira do Monte actuarase na Travesía de Curros Enríquez e na Praza Maior; no municipio da Mariña, na mellora da rúa Cotarelo; mentres, na capitalidade da Terra Chá actuarase na humanización da Travesía dos Castros, desde o seu cruce coa rúa Calvario ata o cruce coa avenida da Terra Chá no núcleo urbano de Vilalba.
No concello de Guitiriz, o Plan Hurbe contempla a mellora da rede de saneamento entre a rúa Lagoas e rúa Xermolos, cun orzamento de máis de 66.000 euros, mentres que no municipio de Barreiros, cun orzamento de algo máis de 64.000 euros actuarase na humanización do centro de San Cosme.
No concello de Antas de Ulla os traballos do Plan Hurbe consistirán na recuperación, humanización e mellora urbana da rúa General Portomeñe, unha obra á que se dedicarán máis de 61.000 euros.
Tamén haberá actuacións referidas á mellora da seguridade vial nos entornos urbanos. Esta é precisamente a obra prevista no concello de Pol, e de xeito máis concreto no núcleo de Mosteiro, que terá un orzamento de preto de 46.000 euros.
Pola súa banda, en Begonte actuarase na instalación para subministro eléctrico ao depósito de auga potable cunha inversión de algo máis de 45.000 euros, mentres que no municipio do Vicedo, cun orzamento de case 34.000 euros, o proxecto inclúe a humanización e accesibilidade da zona dotacional do pobo.
Cómpre recordar que, tal e como se recollía na orde da convocatoria, as axudas concedidas equivalen ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello é de 67.760 euros (IVE engadido).
Javier Arias sinalou que todas estas obras “supoñen unha mellora estética e amplían os servizos para os veciños e veciñas de cada un destes nove concellos”, na liña dos obxectivos do Plan Hurbe. Neste sentido, lembrou que este programa pretende dar resposta á necesidade de humanización das vilas e incrementar o atractivo dos núcleos rurais como factor determinante do equilibrio territorial.