Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta entrega en alugueiro unha vivenda de promoción pública na rúa Vía Láctea de Cervo

Cervo, 7 de maio de 2021. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou en réxime de alugueiro unha vivenda de promoción pública situada na rúa Vía Láctea de Cervo. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá no acto de entrega das chaves acompañado, entre outros, pola tenente de alcalde, Dolores García Caramés.

Arias lembrou que a Xunta dispón dun parque residencial de 95 vivendas no municipio de Cervo, entre elas o piso entregado hoxe, que conta con catro dormitorios e 75 metros cadrados de superficie.

Son xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que se encarga de acometer as reparacións necesarias -de ser o caso- e realizar os chamamentos seguindo os listados de adxudicatarios de cada concello.

As persoas interesadas en optar a futuras adxudicacións deberán estar inscritas no Rexistro Único de Demandantes, trámite que poden realizar en calquera momento tanto de xeito presencial como a través da sede electrónica da Xunta. Os listados de candidatos determínanse mediante un sorteo ante notario entre todas as persoas inscritas.

Exit mobile version