Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta e as farmacias da provincia, unidas na detección de casos Covid

Lugo, 24 de maio de 2021. A Consellería de Sanidade, o Sergas e o Colexio de Farmacéuticos de Lugo están a desenvolver o convenio que permite a realización de test PCR mediante a auto recollida dunha mostra de saliva para a súa posterior análise. Despois de que o plan piloto comezara o pasado xoves nunha farmacia de Sarria, a iniciativa botou a andar na xornada de hoxe en todas as farmacias lucenses adheridas ao programa. Das 186 que hai na provincia de Lugo, máis do 80 por cento, 151 en concreto, se acolleron xa a este plan, aínda que o prazo de inscrición permanece aberto, polo que poderán adherirse ao programa de xeito voluntario cando queiran.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto ao presidente do Colexio de Farmacéuticos de Lugo, Alejandro Sánchez Pérez-Mel, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, visitaron esta mañá unha farmacia lucense para coñecer de primeira man como está a transcorrer a posta en marcha deste programa, cuxo principal obxectivo é descubrir pacientes asintomáticos, para despois localizar e illar aos contactos estreitos e romper as cadea de transmisións.

Trátase dun plan dirixido a persoas de entre 12 a 64 anos que de xeito gratuíto poden pedir, coa súa tarxeta sanitaria, unha proba PCR de saliva. Para elo as oficinas de farmacia ofrecerán os kits para a auto recollida da mostra que, posteriormente, enviarase ao Laboratorio de Microbioloxía de Vigo. Unha vez analizadas comunícase por SMS o resultado ás persoas participantes e, no caso de obter un resultado positivo, realizaráselles unha proba PCR nasofarínxea.
O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, gabou o apoio amosado polas farmacias lucenses que dende a sinatura do convenio coa Consellería de Sanidade adheríronse dun xeito masivo a este plan voluntario.
Ademais insistiu en que “este programa supón a posibilidade de aumentar a capacidade de diagnose do Sergas, detectando dun xeito máis rápido e con maior sensibilidade a presenza do virus entre a poboación cribada, e de forma moi especial, entre asintomáticos, polo que será un avance máis na loita contra a Covid-19”.

De feito, cada unha das farmacias adheridas a este novo plan de detección terá a posibilidade de recoller un máximo de 10 mostras ao día.

Exit mobile version