Lugo, 13 de maio de 2021. A Xunta de Galicia achega 536.000 euros a 25 empresas da provincia de Lugo para desenvolver plans de internacionalización a través do Galicia Exporta Empresas, unha das liñas de axudas de apoio á presenza exterior das compañías galegas que a Administración autonómica reforzou para atender as necesidades do tecido produtivo galego provocadas polo novo contexto económico derivado da pandemia da covid-19.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os apoios aprobados van supor unha mobilización de 765.000 euros e cobren o 70% dos custos dos plans de internacionalización. Por sectores produtivos, destacan as empresas beneficiarias do eido da alimentación, consultoras ou fábricas de calzado, entre outros.
Este programa, cofinanciado con fondos Feder, apoia proxectos como a creación de tendas en liña, campañas en medios no estranxeiro, a participación en accións de promoción internacional e a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior. É xestionado pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Igape.
Na presente edición incorporáronse como novidades o apoio a misións inversas individualizadas, coa promoción de visitas de clientes, importadores e promotores ás sedes das empresas, así como o apoio á operatividade internacional das compañías, como gastos de seguros de créditos ás exportacións, certificacións, xestións de acordos comerciais ou rexistros de marcas e patentes no estranxeiro.
Ademais, para adaptarse á situación xerada pola pandemia, o Galicia Exporta Empresas inclúe por vez primeira a participación en feiras e outros eventos expositivos dixitais e xornadas formativas realizadas en liña dirixidas ao público internacional.
Internacionalización e Brexit
Este programa é complementario do Galicia Exporta Organismos Intermedios e o Galicia Exporta Dixital, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 30 de xuño; conta con 6 millóns de euros para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras.
Estas liñas forman parte do conxunto de medidas que a Xunta vén de reforzar e activar para 2021 e 2022 co obxectivo de acompañar o traballo das empresas galegas, especialmente das pemes, no fortalecemento da súa presenza no exterior no actual contexto económico.
Entre elas figura a Oficina Brexit, un paquete de apoios que se vén de poñer en marcha para facilitar que as compañías galegas exportadoras e importadoras se adapten aos requisitos derivados da saída do Reino Unido da Unión Europea. Así, ata o 17 de maio está aberto o prazo de solicitude das axudas dunha das liñas que inclúe o Cheque Brexit, que conta cun orzamento dun millón de euros.