Aos colexios da provincia remitiuse cadanseu exemplar de “Non te amola”, unha recompilación de relatos escritos pola escritora sarriá recollendo vivencias da infancia que permaneceron inéditos ata a súa publicación este ano pola Editorial Galaxia, con ilustracións de Luz Beloso; “Intempestiva”, unha biografía literaria de Xela Arias escrita pola profesora da USC e crítica literaria Montse Pena; e “Xela quixo ser ela”, un estudo en clave biográfica asinado por Yolanda Castaño que indaga nas orixes do carácter anovador e feminista da súa obra.
No caso dos centros de secundaria, o lote inclúe tamén “Poesía reunida (1982-2004). Xela Arias”, un volume que recolle a obra poética da autora nese periodo vital, con edición e notas de María Xesús Nogueira.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou que “se trata de exemplares adquiridos polo Servizo de Publicacións co obxectivo de apoiar a produción editorial en galego, especialmente, neste ano, os títulos vencellados ao estudo de Xela Arias”.
“Con este reparto aos centros educativos, cumprimos co obxectivo fundamental destas publicacións que é chegar ao público e divulgar a vida e a obra da poeta e ofrecemos ao ensino recursos que consideramos de interese para traballar sobre a figura da autora. É tamén unha forma de agradecer á comunidade educativa o interese que poñen na celebración dunha data fundamental para a lingua e a cultura galega”, argumentou.
“Cremos que é un catálogo completo na medida en que se mestura a obra da autora, co volume sobre a súa obra poética e a publicación “Non te amola”, con textos que escribiu nos anos 90, con outras dúas obras que se achegan a ela cunha perspectiva biográfica”, sinalou Maite Ferreiro sobre a composición do lote de libros.
Mañá, nova entrega de “Outras voces para as letras de Xela”
A distribución dos libros aos centros de ensino forma parte das actividades organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para homenaxear a Xela Arias no seu ano. Entre elas, a exposición itinerante “Xela Arias. A poesía do retrato”, que permanecerá nas rúas de Sarria ata o vindeiro 20 de maio, e a serie “Outras voces para as letras de Xela”, con quince pezas audiovisuais nas que a obra da poeta pasa pola voz, performance e reflexións biográficas de escritores e escritoras, artistas, familiares e persoas anónimas.
Mañá xoves, ás 20.30 horas, difundirase un novo episodio nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa intervención do alumnado do Val do Asma de Chantada.