Viveiro, 6 de maio de 2021. O Concello de Viveiro está intentando retomar, sempre con prudencia e seguindo en todo momento as medidas e limitacións marcadas polas autoridades sanitarias, as súas actividades turísticas e culturais. Dende o goberno local enténdese que é necesario seguir traballando nunha programación que contribúa a reactivar o turismo e o sector servizos, especialmente afectados pola crise derivada da COVID-19.
Neste sentido, este ano Viveiro acollerá de novo a travesía “Navega el Camino”, na que o municipio participa dende os seus inicios, pero que o ano pasado non puido celebrarse por mor da pandemia.
Entre o 4 e o 19 de xuño de 2021, celebrarase a sexta edición desta travesía, un encontro que combina a tradición, a cultura e a gastronomía co deportivo. Ademais, a iniciativa está unida á campaña Travel Safe (viaxar seguro) de Turespaña.
A travesía “Navega el Camino” ten como obxectivo impulsar a navegación a vela como unha forma de facer o Camiño de Santiago, polo que a expedición partirá de Hondarribia o 4 de xuño e chegarán a Santiago de Compostela o 19 do mesmo mes, facendo esta última etapa a pé.
A travesía recalará en Viveiro o venres 11, onde descansarán unha xornada. O Concello de Viveiro xa está a preparar algunha actividade con motivo da súa estancia, que cumprirá cos requisitos de seguridade e prevención fronte ao COVID-19.
Viveiro colabora desde o seu inicio, a través da concellaría de Turismo, con North Marinas, responsables desta particular travesía. Este ano o evento celébrase baixo o lema “La Mujer y el Mar”, dedicado ás mulleres relacionadas co mar e a navegación.
Participará a medallista olímpica Ángela Pumariega ao timón dunha tripulación feminina formada por profesionais do deporte, a educación, a ciencia, o coaching e a comunicación. Tamén irán embarcados xornalistas de Reino Unido, Francia, Portugal, Bélxica, Holanda e Irlanda.
A concellería de Turismo de Viveiro apostou por este proxecto dende o seu inicio hai xa 6 anos. Actualmente, o departamento de Turismo traballa e colabora con North Marinas na promoción turística do municipio, non só a nivel nacional, senón tamén a nivel europeo.