Lugo, 18 de maio, 2021. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, lémbralle ao conselleiro de Industria que a responsabilidad da situación de incerteza na que se atopan os traballadores de Alcoa é da multinacional norteamericana, non do Goberno de España.
Nunhas declaracións que fixo esta mañá a subdelegada destacou que “o Goberno sempre estivo remando a favor dos traballadores de Alcoa e da comarca da Mariña. Leva desde o primeiro momento implicado na busca dunha saída.
E o noso compromiso non son só palabras senón feitos. O Goberno nunca se puxo de lado: fai xestións para buscar un comprador, presiona a Alcoa para evitar o peche e pon cartos riba da mesa. Nas tres últimas semanas este Goberno aprobou o gasto de 170 millóns de euros para axudas á industria electrointensiva e para compensar os custes por emisións de CO2. Cartos públicos para axudar a empresas como Alcoa. Esto é compromiso. Non verborrea.
Alcoa ten que decidirse xa a vender. E, por certo, hai que recordar que en Galicia a Xunta é quen ten as competencias en materia de Industria. Sería bo que tamén as exercera”.