As persoas que se manifestaron este Día das Letras en Compostela quefenderon “un futuro próximo onde a galega sexa a lingua empregada por meniños e meniñas, por vellos e vellas, por todas as persoas, sexa cal for a súa ideoloxía, condición social, económica ou calquera outra, sen ningún impedimento para o facer por ser a lingua naturalmente dispoñíbel en todo”.
“O dereito a vivir na lingua propia é un dereito humano”, recorda o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. “Niso coinciden a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional polos Dereitos Civís e Políticos, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas e niso insistiu a continua mobilización da sociedade galega apoiando as accións da Mesa e conseguindo que ONU e Consello de Europa lembrasen a obriga da Xunta e do Estado de cumpriren estes acordos internacionais”.
Porén, 40 anos de autonomía non garantiron a posibilidade de emprego da lingua propia con total liberdade, sen restricións, con presenza absoluta na administración pública, na empresa, na vida social ou cultural. Sen coaccións que obriguen a optar por outra lingua renunciando á propia en ámbitos tan trascendentais como as plataformas audiovisuais, o ensino, o servizo de saúde ou as interaccións coa administración.
“Somos a única nación do Estado na que a lingua está sostida exclusivamente na forza da sociedade, sen goberno e soporte institucional autonómico que acompañe”, denuncia Maceira, “é a sociedade quen está a atenuar, en solitario, os efectos da desigualdade e de falta de liberdade plena para vivir en galego”.
Co exemplo recente da aprobación unánime da Iniciativa Xabarín polo Parlamento galego, a praza do Obradoiro recorda hoxe, como cada 17 de maio, que a pesar de todas as limitacións a lingua galega sigue viva porque hai miles de persoas actuando para repola, reparala e retornala á normalidade. Mentres unha parte significativa da sociedade galega sexa consciente e traslade esa consciencia a unha práctica reparadora, seguirá existindo o galego e haberá posibilidade de reverter a súa situación e garantir o seu futuro.