Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña: destino de calidade, auténtico e multiexperiencial. Así a promociona a Mancomunidade en Fitur

A Mariña, 20 de maio de 2021. A Mariña lucense presentouse esta tarde en Fitur como destino turístico slow e responsable. No acto proxectouse o vídeo Vuelve a encontrar el Norte. Visita A Mariña Lucense así como as distintas gráficas da campaña, que representan os principais atractivos da comarca: natureza, costa e interior, patrimonio cultural, gastronomía, vida rural, tranquilidade e calidade de vida.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, insistiu na súa intervención en que “A Mariña Lucense ofrece ao visitante a posibilidade de afastarse do estrés do día a día, grazas a unha proposta baseada no turismo slow, un xeito sostible de viaxar, que aposta por destinos illados e evita as masificacións para dar prioridade á experiencia do viaxeiro. Propoñemos tanto ao viaxeiro individual coma aos distintos operadores turísticos empaparse da calidade de vida da Mariña Lucense, do propio e auténtico do territorio de forma tranquila da man dos seus anfitrións, a xente local. Con isto perseguimos dúas cousas: que se escolla A Mariña fronte ás présas, aglomeracións, colas, asfalto e ruídos doutros destinos e se viaxe a esta comarca co propósito de acumular vivencias. Apostamos por A Mariña Lucense coma un destino de calidade, auténtico, multiexperiencial e por (re)descubrir”.

Cajoto dixo que “os concellos integrantes do xeodestino conformamos un itinerario no que poder reconectar cun mesmo a través de paisaxes salvaxes, con praias paradisíacas e costas agrestes encravadas en pleno norte peninsular, a zona que o visitante leva tempo querendo atopar. Na Mariña os visitantes poden descubrir un enorme mundo baixo o mar, nunha zona de grande riqueza pesqueira e marisqueira; unha gastronomía que aproveita ese produto de primeira para elaborar pratos sorprendentes; e unha cultura que se demostra coñecendo o seu patrimonio, a hospitalidade das súas xentes e a calidade da súa artesanía. Todo un paseo polo Norte, para coñecelo a fondo e non volver perdelo nunca”.

O material promocional do xeodestino estará dispoñible a demanda dos profesionais do sector e do público xeral na área provincial do stand de Galicia. A Mancomunidade concertou reunións con operadores turísticos co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos, de produtos e de servizos turísticos da Mariña.

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense está presente un ano máis en Fitur, que segue en Madrid ata o vindeiro domingo, 23 de maio.

Exit mobile version