A Mariña, 19 de maio de 2021. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense promocionará en Fitur 2021 a oferta coma destino turístico slow e responsable no que o visitante pode atoparse a si mesmo e descubrir o seu norte particular, despois duns meses nos que a sociedade tivo que soportar situacións de tensión e incerteza a causa da crise provocada pola covid-19. O acto de presentación do xeodestino terá lugar mañá, xoves, ás 16:30 horas.
O presidente do ente, Fran Cajoto, explica que “dende a Mancomunidade, nunha reunión cos distintos Concellos, decidiuse aproveitar esta ferramenta de promoción que, coma todos os anos, nos brinda Turismo de Galicia. Así, A Mariña estará presente na Feira Internacional de Turismo (Fitur) no stand de Galicia e presentaremos ante autoridades, prensa especializada, turoperadores e profesionais do sector turístico a nosa última campaña Volve a encontrar o Norte. Visita A Mariña Lucense”.
Cajoto subliña que “a participación na feira ten por obxectivo axudar na promoción e reactivación turística do xeodestino co obxectivo de reducir o impacto que a crise sanitaria está tendo nesta comarca e tratar de seguir sendo unha opción nunha época na que os destinos nacionais gañan aínda mais peso dentro da oferta turística”.
A promoción da Mariña en Fitur terá lugar na presentación programada para este xoves, 20 de maio, ás 16:30h no stand de Turismo de Galicia baixo o título Vuelve a encontrar el Norte. Visita A Mariña Lucense. Encargaranse de trasladar as bondades desta comarca o presidente da Mancomunidade, Francisco Cajoto, que estará acompañado polo Delegado Territorial da Xunta, Javier Arias, e polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
Fran Cajoto indica que “a campaña, que se lanzaba o ano pasado xusto despois do peche perimetral que sufría a área sanitaria da Mariña Lucense, e que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, pretende reivindicar A Mariña Lucense como un xeodestino ubicado ao norte da provincia de Lugo, á beira do Mar Cantábrico, no que o visitante pode atoparse a si mesmo e descubrir o seu norte particular, despois dos duros meses vividos durante a pandemia”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, conta que “durante o acto de mañá proxectaranse as distintas gráficas da campaña, que veñen a representar os principais atractivos da comarca: natureza, na costa e interior, patrimonio cultural, gastronomía, vida rural, tranquilidade e calidade de vida. Tamén se presentará un novo vídeo para esta campaña e darase a coñecer a guía recentemente publicada do xeodestino, que ven promover os principais atractivos e produtos da comarca, ferramenta que ademais viñan demandando os turoperadores”.
E engade que “así mesmo o material promocional do xeodestino estará dispoñible a demanda dos profesionais do sector e do público xeral na área provincial do stand de Galicia. Ademais concertaranse reunións con operadores turísticos co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos, de produtos e de servizos turísticos do xeodestino, coñecer toda a oferta da Mariña Lucense, ampliar a presenza do xeodestino nos seus programas e a inclusión da comarca entre a súa oferta, de ser o caso. Tamén se visita a feira co obxectivo de coñecer casos de éxito noutros destinos así coma tecnoloxías a aplicar no territorio”.
Fitur 2021 celébrase desde hoxe ata o domingo, 23 de maio, en Madrid.