Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade aproba o Plan de Sustentabilidade Turística para A Mariña que opta á nova convocatoria da Secretaría de Estado

A Mariña, 6 de maio de 2021. A Mancomunidade aprobou no pleno celebrado onte o Plan de Sustentabilidade Turística para A Mariña Lucense, que opta á nova convocatoria da Secretaría de Estado de Turismo.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, que participara como poñente na presentación da nova convocatoria dos Plans en Lanzarote en representación dos destinos rurais costeiros, quere agradecer o consenso do plenario: “estamos seguros da calidade do plan, que xa nos trasladara a Secretaría de Estado de Turismo e ao que houbo que facerlle pequenos reaxustes para adaptalo á nova convocatoria. Nese sentido hai que agradecer á Fundación Juana de Vega, financiada pola Xunta de Galicia, o traballo técnico que realizaron”.

O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade agarda contar co apoio das administracións a unha comarca eminentemente turística que non o está a pasar ben, na que pesa e moito a incerteza sobre Alcoa: “o portavoz do Partido Popular na Mancomunidade e alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, comprometeuse a facer as xestións oportunas na Xunta de Galicia, que tamén expresou o seu compromiso co Plan de forma pública a través do vicepresidente, Alfonso Rueda. Necesitamos contar co apoio político a un plan tecnicamente impecable e que grazas á Secretaría de Estado de Turismo puidemos visualizar en Lanzarote ante toda España. Hai que seguir traballando nesta vía de consenso”
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, explicou que “para a revisión e actualización do Plan mantivemos reunións de traballo cos concellos e co tecido turístico empresarial para analizar a nova convocatoria e onde foi presentado e analizado”.

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presenta un Plan de Sustentabilidade Turística por un importe de 3 millóns de euros a desenvolver do 2022 a 2024, “que ten por obxectivo impulsar un desenvolvemento turístico sostible e rentable na Mariña, cunha visión do turismo a medio e longo prazo. Temos un enorme potencial, xa que contamos con un patrimonio cultural e un entorno natural de enorme beleza, que debemos poñer en valor. Debemos sacudirnos complexos e avanzar, ser un reclamo turístico tamén fóra da tempada de verán, e que o turismo á súa vez contribúa a mellorar a cohesión territorial e frear a perda demográfica que se está a dar nos concellos do interior da Mariña.”

Fran Cajoto indicou que o plan se estrutura en varios eixos: “os dotados con maior inversión son os correspondentes a márketing e intelixencia turística –dotado con 600 mil euros para comercializar e promocionar o destino turístico- e o denominado Crecemento Sostible, no que se consignan algo máis de 1,6 millóns de euros. Este eixo ten como obxectivo a mellora ou creación de novos equipamentos e produtos turísticos, no que se inclúen as seguintes accións: deseño e promoción de actividades/recursos de turismo cultural como a ampliación das audioguías ficcionadas, a reactivación da Ruta de Pardo de Cela, o turismo activo, ecoturismo ou deportivo a través de rutas de sendeirismo, cicloturismo ou BTT; a posta en valor do turismo xeolóxico e de observación de aves; o turismo gastronómico e o agroturismo poñendo en valor o produto e os produtores locais; o turismo slow creando e consolidando produtos existentes; o Camiño do Mar como ruta a Santiago ou a creación de rutas interpretativas vinculadas aos miradoiros e aos recursos hídricos como as fervenzas da comarca”.

Os Plans de Sustentabilidade Turística son solicitados polas entidade locais. Será de novo a Mancomunidade quen fará a solicitude, que abarca todo o xeodestino, alentada e co apoio da Xunta de Galicia. Este Plan podería chegar a contar cun orzamento de 3 millóns de euros para un período de 3 anos (2022-2024). O Estado a través da Secretaría de Estado de Turismo financiaría o 45%, a Xunta de Galicia outro 45% e a Mancomunidade financiaría o 10% restante.

Exit mobile version