Site icon Crónica3.com A Mariña

A exposición ‘Xela Arias, aquela nena de Sarria’ chega a Foz

Foz, 12 de maio, 2021. Continúa así coa celebración das letras galegas coa exposición elaborada polo Colectivo Egeria e a colaboración do Concello de Sarria e da Real Academia Galega para honrar a Xela Arias no ano en que esta última institución lle dedica o Día das Letras Galegas. A mostra, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase con poemas dirixidos a Xela por alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, así como de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou e ata un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu ano.
A exposición inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo.

Pode ser visitada dende o día 14 de maio ao 25 no CENIMA en horario de 9 a 14 e de 18 a 20 hs.

Exit mobile version