Os representantes provinciais realizaron o percorrido deseñado no concello de Taboada que incluíu o paso pola Igrexa de Taboada dos Freires, a Igrexa de San Pedro de Bembibre, a Igrexa de Santa María de Piñeira e a Igrexa de Santa María de Castelo. Entre os recursos que visitaron estaban algún dos tímpanos máis coñecidos do románico galego.
O organismo provincial puxo en marcha 14 itinerarios con 112 prazas para coñecer algúns dos recursos románicos máis importantes da provincia de Lugo. O centenar de participantes, que realizaron as distintas rutas acompañados de guías oficiais de turismo, puideron descubrir a Igrexa de Santa María de Pesqueiras e Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a Igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo, ou San Paio de Diamondi, no Saviñao. Tamén percorreron a Catedral e o casco histórico de Lugo, a igrexa de Santa María, en Meira, ou a Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.
O Presidente destacou que “estas actividades permitiron aos veciños e veciñas da provincia coñecer o patrimonio que teñen máis cerca e que sexan os primeiros promotores dos nosos recursos, porque na provincia temos moito que mostrar”. “En apenas cinco días esgotáronse as 112 prazas ofertadas e moitas das de reserva, o que demostrou que os lucenses están interesados nestas iniciativas que promoven un turismo de calidade, non masificado e de proximidade”, asegurou Tomé Roca.
Para conmemorar a cita internacional, Pilar García Porto participou nun audiovisual gravado ante a igrexa de San Xoán ou San Nicolás de Portomarín, no que se darán a coñecer todos os membros da Ruta Transrománica. A Deputada invitou a visitar as 10 igrexas incluídas neste itinerario internacional e a descubrir o patrimonio da provincia de Lugo cando a situación sanitaria mellore.
A Ruta Transrománica
A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas en 10 concellos da Ribeira Sacra.
As igrexas que inclúe a candidatura son as seguintes: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.
–