Lugo, 25 de maio de 2021. A Deputación de Lugo reclámalle á Xunta de Galicia que asuma as competencias ás que está obrigada por Lei e que “lle pague o que lle debe aos veciños e veciñas da provincia” en materia de residencias. Este é o contido do acordo que sacou adiante no Pleno ordinario deste martes o Goberno provincial, que aprobou abrir un proceso de negociación coa Xunta de Galicia para que asuma tanto a financiación dos Centros de Atención a Maiores da institución, como a súa inclusión na rede pública de residencias autonómicas. A proposta recolle tamén reclamar ó Goberno galego que modifique o seu modelo macro residencial para fortalecer e consolidar unha rede galega de residencias públicas de pequeno tamaño que garanta a permanencia dos maiores no seu entorno, mellorando a atención e xerando emprego de calidade que contribúa a fixar poboación no rural.
Pola súa banda, o PP negouse, unha vez máis, a que a Xunta asuma a súa obriga legal, recollida tanto no Estatuto de Autonomía como na Lei de Servizos Sociais, de contribuír ao financiamento dos servizos de atención ás persoas maiores na provincia.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recalcou que, por Lei, a Xunta debe “contribuír a esa gran labor da que estamos moi orgullos na Deputación” porque ata agora “non aportou nada, nin para a construción, nin para o financiamento dos centros de atención a maiores provinciais”. “Tratar de xustificar que a Xunta colabora coas libranzas vinculadas é, ou non ter nin idea, ou ser hipócrita, porque estas son un dereito dos usuarios e usuarias, que a Xunta lles ten que dar porque non ten prazas públicas de residencia suficientes”.
Neste sentido, Pablo Rivera subliñou que, segundo cifras oficiais do IMSERSO, Galicia está á cola das comunidades autónomas de toda España en prazas públicas en residencias, con tan só o 41%, mentres que a media estatal é do 62%, e que existe un déficit de 14.902 prazas residenciais en Galicia para acadar a razón de 5 por cada 100 persoas maiores de 65 anos, segundo un informe da Asociación Estatal de Directivos e Xerentes dos Servizos Sociais.
O Deputado de Promoción Económica e Social asegurou que a pandemia puxo de manifesto o fracaso deste modelo privatizador da Xunta, admitido polo propio Goberno galego ao anunciar a súa intención de deseñar un novo modelo de residencias.
Pablo Rivera argumentou que a Deputación de Lugo dedica 30 millóns de euros –aproximadamente un 33% do seu orzamento- a políticas sociais, mentres a Xunta só destina a este fin un 8% do seu orzamento global. “Levamos anos suplindo a inacción da Xunta de Galicia e facendo un esforzo para achegar servizos sociais públicos universais e de calidade á veciñanza, sobre todo no rural”, explicou o Deputado.
Así mesmo, Rivera Capón lembrou que, como xa fixo o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, en diversas ocasións, unha delas no seo do Parlamento de Galicia, a Deputación ofrece á Xunta o seu modelo de residencias: público, de proximidade, con centros de pequeno tamaño, con entre 25 e 40 prazas de media, con case un coidador por persoa e que crea emprego sostible e fixa poboación no rural. “Somos un bo espello no que mirarse”, asegurou Rivera Capón.
Pacto e Fondo de Cooperación Local
No Pleno de hoxe, o PSdeG sacou adiante co apoio do BNG e os votos en contra do PP, unha moción para que a Xunta respecte o Pacto Local, así como todos os acordos firmados coa FEGAMP e as entidades locais, e que elabore unha Lei autonómica de participación das entidades locais nos ingresos das comunidades autónomas e que, mentres non aproba esta norma, incremente a contía do Fondo de Cooperación Local, que non subiu dende que goberna Alberto Núñez Feijóo.
Así mesmo, en base a esta moción, a Deputación esixirá que suprima o actual sistema de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva que favorece ós concellos da cor política afín ó Goberno da Xunta e que adopte un sistema de reparto de fondos con criterios obxectivos de poboación, dispersión ou extensión dos concellos, semellantes ós do Plan Único a Deputación de Lugo.
O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, denunciou que as políticas desenvoltas polo PP dende a súa chegada ao goberno da Xunta “tense caracterizado polo desprezo das administracións locais” e que nestes anos “vén incumprindo dun xeito sistemático os acordos incluídos no Pacto Local, desatendendo as peticións da FEGAMP, ignorando as necesidades das facendas locais, e sobrecargando aos concellos con servizos públicos que son competencia da Xunta”.
Arias denunciou ademais que a Xunta de Galicia reduciu neste 2021 un 6,4% as transferencias directas aos concellos, ademais de “rexerse por criterios discrecionais, sen transparencia ou planificación; só polo criterio de amiguismo político”. Neste sentido, o Deputado puxo o exemplo das axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para infraestruturas e melloras en concellos de menos de 20.000 habitantes, que se adxudican polo orde de presentación das solicitudes no rexistro electrónico. Un criterio que segundo apuntou Arias, “roza a ilegalidade”. “Como é posible que unha convocatoria se abra ás 00.00h e que aos poucos minutos xa se acaben os fondos. Como é posible que, se non se coñecen antes os requisitos da orde de axudas, se poidan elaborar e presentar proxectos en cuestión de minutos? Esta é a democracia do PP”, asegurou.
Sarria
A Corporación provincial aprobou por unanimidade o cambio de titularidade a favor do Concello de Sarria dun tramo de 467 metros da vía provincial LU-P-5602, que discorre completamente por este termo municipal.