Lugo, 28 de maio de 2021. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases e a convocatoria da segunda edición dos premios Lugo Cambia ao turismo lucense e …E para comer, Lugo á gastronomía lucense, tal e como anunciou a voceira provincial socialista e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.
“Estes premios son unha medida máis que impulsamos dende a Deputación de Lugo para apoiar, poñer en valor e visibilizar o traballo e a calidade dos sectores turístico e hostaleiro da nosa provincia, algo especialmente importante nestes momentos porque estes establecementos foron os que sufriron especialmente o impacto das restricións sanitarias pola pandemia”, subliñou a Deputada.
García Porto destacou que “a diferencia do ano pasado e, por petición do propio Consello Provincial de Turismo, nesta edición poden presentarse as candidaturas a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata”. A candidatura pode ser presentada por persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro que teñan repercusión positiva no turismo e na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica.
O Consello Provincial de Turismo actuará como xurado nunha sesión extraordinaria e nomeará tres premios por categoría, que serán entregados nun acto público, sempre que a situación sanitaria o permita, o vindeiro 27 de setembro, coincidindo co Día Internacional do Turismo. As bases serán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia.
Colaboración con La Vuelta
A Deputación tamén aprobou unha colaboración económica da Deputación de Lugo coa celebración de La Vuelta Ciclista a España 2021, que o día 3 de setembro pasará por 12 concellos da provincia de Lugo: Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, O Corgo, Láncara, O Páramo, Sarria, O Incio, Bóveda e Monforte de Lemos.
Trátase dun patrocinio por un importe de 60.000 euros, que responde “á nosa aposta pola promoción do territorio a través do turismo. Hai que ter en conta que La Vuelta é unha proba deportiva de primeiro nivel que mobiliza a milleiros de persoas e que é vista en máis de 190 países cunha audiencia real que supera os 400 millóns de espectadores. Polo tanto, esta achega provincial terá un retorno importante, económico e a nivel de promoción, para os concellos polos que discorre e para o conxunto da nosa provincia”, explicou Pilar García Porto.
Tarifas catamaráns
No eido do turismo, a Xunta de Goberno deu o visto bo este venres ás tarifas dos prezos públicos do servizo de catamaráns pola Ribeira Sacra que ofrece a Deputación de Lugo. “Decidimos manter os prezos dada a situación de pandemia para favorecer o fluxo de viaxeiros e, con iso, a actividade económica que xera este servizo na zona sur”, afirmou a Deputada. As tarifas variarán entre os 9 e os 4 euros, tendo en conta se a viaxe se fai con billete ordinario ou reducido ou con tarifa de grupo.