Santiago de Compostela, 1 de maio de 2021. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destaca o traballo e o potencial que a acción e o compromiso da mocidade pode aportar na protección e mellora do patrimonio natural.
A conselleira mantivo esta semana unha reunión con tres representantes do Proxecto Rebinxe de Mondoñedo —Óscar Chao, profesor de Bioloxía, e dúas alumnas—, para así coñecer os proxectos e as iniciativas educativas ambientais que esta entidade da Mariña lucense está a impulsar para divulgar os valores súa contorna máis próxima. Destacou que son proxectos que serven de modelo para fomentar a concienciación coa sostibilidade e o uso responsable da esfera ambiental.
Vázquez Mejuto felicitou ao mestre Óscar Chao e aos alumnos do Instituto San Rosendo de Mondoñedo que impulsaron a posta en marcha desta iniciativa, coa que tamén se pon voz ás inquedanzas e intereses dos máis novos, as xeracións que de xeito inmediato xestionarán a riqueza natural que atesoura Galicia.
Así mesmo, brindoulles a colaboración do departamento que dirixe e invitounos a manter un fío de colaboración permanente coas direccións xerais de Patrimonio Natural e de Calidade Ambiental, xa que son dous dos departamentos que impulsan proxectos e iniciativas sobre os que poden achegar o seu punto de vista.