A edil burelesa dixo que “os devanditos recoñecementos, distincións ou galardóns, outorgados este ano 2021 ao Concello de Burela, veñen poñer en valor unha vez máis a este municipio no contexto comarcal, provincial, autonómico, nacional e internacional, como punto de referencia na protección e educación ambiental, na calidade da prestación de servizos nos seus areais e no desenvolvemento sostible do sector turístico a través de prácticas que fomentan o coidado do medio ambiente”.
Toñi Eijo manifestou que “sen prexuízo do anterior, o Concello de Burela, con carácter xeral, e de xeito particular a súa Concellería de Medio Ambiente, asumen o compromiso de manter e mellorar a calidade ambiental e a dos servizos dos areais do noso termo municipal, así como de seguir promovendo e controlando a seguridade e a hixiene no seu goce e desfrute, nun contexto tan complexo como o actual, onde debe prevalecer o interese superior da saúde pública sobre calquera outro”.
A concelleira de Medio Ambiente indicou que “neste sentido, esta Corporación insta novamente ás persoas usuarias das praias do noso municipio, a que actúen con responsabilidade á hora de permanecer e desfrutar dos nosos areais, así como á hora de utilizar as súas instalacións e servizos, cumprindo escrupulosamente as concretas medidas adoptadas polas autoridades sanitarias para facerlle fronte ao covid-19”.
Eijo tivo palabras de agradecemento: “finalmente, agradecer a Adeac, e ao Xurado Internacional Bandeira Azul, as distincións outorgadas a este Concello de Burela, así como tamén agradecer ao persoal desta administración local – socorristas, protección civil, policía local, monitoras do Centro de Educación Medio Ambiental Gaia, responsable do Barco Museo Reina del Carmén, etc -, a toda á veciñanza burelá e a todas as persoas que nos visitan acotío, o seu compromiso e o seu bo actuar, para manter, non só os galardóns referidos, senón tamén a calidade das nosas praias”.