Isabel Rodríguez deu conta de que nos últimos sete días a Policía Nacional e a Garda Civil efectuaron na provincia un total de 828 controis e 745 inspeccións a establecementos de hostalaría. Ademais, desde o día 29 de abril ata o 6 de maio, foron identificadas 10.803 persoas polas forzas de seguridade do Estado na provincia e tamén se controlaron 9.204 vehículos. Como consecuencia destes controis, a Garda Civil e a Policía Nacional formularon nas datas mencionadas un total de 158 propostas de sanción. Para poñer en marcha este dispositivo especial de seguridade foi necesaria a participación de 1.379 axentes.
A subdelegada destacou que “o baixo número de denuncias interpostas evidencia o alto grao de cumprimento da normativa por parte de todos e todas os veciños e veciñas da provincia”. Non obstante, Rodríguez fixo fincapé en que, a pesar da boa marcha da campaña de vacinación contra o coronavirus, segue a ser imprescindible que toda a cidadanía manteña as medidas de protección sanitaria e continúe a respectar todas as normas marcadas polas autoridades sanitarias.