Lugo, 7 de maio de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu este mañá unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que cada semana fai seguemento do dispositivo de seguridade que vela polo cumprimento na provincia da normativa da Xunta contra a pandemia da COVID-19. A xuntanza tivo lugar por vía telemática coa participación dos mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo; así como de representantes da Subdelegación do Goberno e a Xunta de Galicia.
Isabel Rodríguez deu conta de que nos últimos sete días a Policía Nacional e a Garda Civil efectuaron na provincia un total de 828 controis e 745 inspeccións a establecementos de hostalaría. Ademais, desde o día 29 de abril ata o 6 de maio, foron identificadas 10.803 persoas polas forzas de seguridade do Estado na provincia e tamén se controlaron 9.204 vehículos. Como consecuencia destes controis, a Garda Civil e a Policía Nacional formularon nas datas mencionadas un total de 158 propostas de sanción. Para poñer en marcha este dispositivo especial de seguridade foi necesaria a participación de 1.379 axentes.
A subdelegada destacou que “o baixo número de denuncias interpostas evidencia o alto grao de cumprimento da normativa por parte de todos e todas os veciños e veciñas da provincia”. Non obstante, Rodríguez fixo fincapé en que, a pesar da boa marcha da campaña de vacinación contra o coronavirus, segue a ser imprescindible que toda a cidadanía manteña as medidas de protección sanitaria e continúe a respectar todas as normas marcadas polas autoridades sanitarias.