O Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a presentación do evento, na que participaron Ángela Prado, presidenta do Cidade de Lugo, e Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo, organizadores da proba, e o deputado de Deportes, Efrén Castro, ademais do xefe de Deportes da Xunta de Galiza en Lugo, Manuel Otero, e dos concelleiros de Lugo, Mauricio Repetto; Outeiro de Rei, Alejandro Martínez; e Rábade, Pilar Méndez.
Máis de 200 deportistas participarán na proba que comezará ás 16:00 horas e que decorrerá entre a ponte medieval de Rábade e a ponte romana de Lugo, uns 18 quilòmetros polo leito do río Miño. Na lista de piraguistas e canoístas participantes destacan nomes como o da monfortina Tania Fernández, subcampioa do mundo de K-2, Manuel Garrido, campión do mundo en C-1, Jenifer Casal, bronce en C-1 no Campionato de Europa de 2017 ou Jesús Rodríguez Léon, quince veces gañador da proba. En total, tomarán parte na proba deportistas de júnior e senior de 32 equipos de Galiza e de Asturias.
A presidenta do Cidade de Lugo explicou que o club apostou por potenciar a presenza de nomes destacados do piragúismo español e mundial “que doten dun maior atractivo á proba”. “A presenza de figuras con medallas mundiais, europeas, que son referentes a nivel global deste deporte, servirá para darlle aínda máis impulso ao regreso dunha
proba que queremos que siga consolidándose como unha das citas ineludibles do calendario”, remarcou Ángela Prado.
Apoio ao piragüismo
Efrén Castro agradeceu “a iniciativa e o interese de Cidade de Lugo e da Federación Galega de Piraguismo por darlle continuidade a unha competición que acredita a enorme tradición deste deporte na cidade de Lugo” e destacou o “bo momento que vive o piragüismo, en resultados, con representantes lucenses nos podios de competicións estatais, e tamén en participación”.
O deputado de Deportes puxo en valor a “aposta firme e decidida que se fai desde a Vicepresidencia da Deputación por este deporte con distintas liñas de acción, enfocadas, sobre todo, á promoción da base”. Neste senso, lembrou que ademais de apoiar a continuidade de probas históricas como o Descenso do Miño ou a Travesía de Foz, “se apoia un programa de formación técnica e física dos piraguistas da provincia a través dun convenio da Federación Galega de Piragüismo e se promove a organización da Copa Deputación de Lugo, na que se iniciaron na competición moitas das promesas do piragúismo lucense”
Ademais, os sete clubs da provincia – Cidade de Lugo, Fluvial de Lugo, Club Deportivo San Ciprián, Club Piraguismo Viveiro, Kayak de Foz, Altrúan de Ribadeo e Quixós de Monforte – reciben axudas específicas para o desenvolvemento da actividade competitiva ou para a organización de eventos. Por outra banda, en 2020, 26 piragüistas beneficiáronse das bolsas para deportistas individuais.