O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que actualmente está aberta unha nova convocatoria deste programa que xestiona a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia, e os concellos interesados teñen de prazo ata o vindeiro 4 de xuño para presentar as solicitudes.
Os municipios que accederon ás achegas o pasado ano foron os de Sober e Begonte, que recibiron 14.000 euros en cada caso, Ribadeo (10.800 euros) e Ribeira de Piquín (14.500 euros). No 2019 recibiran axudas Portomarín e O Vicedo, por importes de 8.000 e 12.000 euros respectivamente.
Estes plans considéranse os instrumentos básicos de planificación das administracións responsables dos sistemas de abastecemento á poboación para xestionar os episodios de seca. Entre outros aspectos, determinan cales son as zonas máis vulnerables en caso de seca e os usos da auga máis relevantes desde o punto de vista económico e social, coa identificación da poboación, dos condicionantes ambientais ou dos principais elementos do patrimonio natural e das actividades estratéxicas que se poderían ver afectados.
Tamén indican as medidas de xestión que se adoptarán en caso de necesidade e a previsión dunha subministración alternativa ante situacións de escaseza conxuntural, razoable e proporcional ás concretas circunstancias que potencialmente se poidan producir.
Os concellos interesados atoparán na páxina web oficial de Augas de Galicia un modelo de plan municipal de emerxencia e xestión do risco de seca e algunhas recomendacións para a súa elaboración.