O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as axudas suman un importe global de 555.000 euros, e supoñen o 80% do orzamento mobilizado polos hostaleiros (693.600 euros).
A maior parte do investimento realizado destinouse á instalación de peches estables ou desmontables así como outros elementos móbiles tales como toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas accesibles. En concreto, mobilizáronse para este fin 427.100 euros.
Outros 176.200 euros investíronse na adecuación estética e funcional das terrazas, mediante a renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e de aparatos calefactores exteriores, así como actuacións de mellora da fachada exterior do local.
Por último, 90.300 euros foron destinados á adquisición de elementos sostibles de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio local.
Máis orzamento para o Plan de rescate
Javier Arias gabou “o esforzo de adaptación que están a realizar os hostaleiros para poder exercer a súa actividade de xeito seguro, atendendo ás medidas sanitarias que seguen resultando imprescindibles para frear a pandemia”. O delegado destacou “a responsabilidade” coa que actúa o sector e sinalou que a Xunta “colaborou coa hostalería dende o primeiro momento e continúa realizando un esforzo orzamentario para axudarlles a superar os prexuízos que lles causa esta situación”.
Neste sentido, o delegado lembrou que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de ampliar o crédito do segundo Plan de rescate, co que o orzamento inicial de 75 millóns de euros elévase ata os 96 millóns, para dar liquidez a todos os negocios afectados pola pandemia.
A Consellería acomete este incremento orzamentario para dar resposta ao volume de solicitudes presentadas, prestando un apoio fundamental para que os empresarios afectados poidan saír da crise e adaptarse á nova normalidade, mantendo a actividade e os postos de traballo.
Con esta nova contía, a Xunta terá mobilizados 182 millóns de euros en axudas directas ao tecido empresarial mediante dous plans de rescate.