Ribadeo, 20 de maio de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, salienta o importante esforzo económico que está a facer o Concello para reforzar o persoal de cara á tempada estival. En total son 40 os empregos que se ofertan, entre os que se atopan guías turísticos, socorristas, técnicos sanitarios e operarios de medio ambiente.
O rexedor ribadense dixo: “quero sinalar o importante esforzo económico que estamos a facer desde o Concello de Ribadeo para prepararnos, un ano máis, para o reforzo de persoal co que enfrontar a tempada estival. Temos postas moitas esperanzas coa reanimación económica que poida supoñer, aínda estando en pandemia e limitadas moitas actividades e movementos, confiamos que, con todas as medidas de seguridade sanitarias e que vaia por diante todo isto, poidamos con todo ter un bo verán en Ribadeo. Para isto debemos estar máis preparados que nunca, de aí que esteamos neste momento facendo o maior reforzo de persoal que nunca fixéramos”.
Suárez Barcia sinalou que “hai agora mesmo dispoñibles máis de 40 postos de traballo para este verán, como guías turísticos, socorristas, técnicos sanitarios e operarios de medio ambiente para a limpeza de baños, de praias e de rúas. Ademais destes postos de traballo para o verán, tamén estamos cos prazos abertos para outros como interinidades para celador de inmobles escolares ou avogada do Centro de Información á Muller. Por outra banda, en poucos días, ofreceranse varias prazas do programa Depuemprega, este programa entre o Concello e a Deputación de Lugo, para prazas de seis meses en dinamización económica, técnico de medio rural, auxiliar electricista e peóns de medio ambiente”.
O alcalde de Ribadeo engadiu que “queremos informar que, como sempre, toda a información de prazos, requisitos, temarios, etc…, está a disposición de todo o mundo no taboleiro de anuncios da páxina web e que aí todo o mundo poida ir ver para mirar se lle interesa e desde logo que presenten a solicitude”.
As prazas ofertadas son 1 chófer de medio ambiente, 1 celador de inmobles escolares, 5 guías/informadores turísticos, 2 peóns de medio ambiente e servizos múltiples, 9 operarios de medio ambiente, 1 avogada/o para o CIM, 18 socorristas, 3 técnicos sanitarios, 1 técnico de dinamización económica, 2 peóns de medio ambiente, 1 técnico de medio rural e 1 auxiliar electricista.