O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou un dos establecementos beneficiados e lembrou que o Goberno galego xa está resolvendo as achegas do segundo Plan de rescate e que, debido á elevada demanda, vén de ampliar o crédito inicial de 75 millóns de euros ata os 96 millóns.
Estas axudas directas que xestiona a Consellería de Emprego e Igualdade pretenden compensar aos establecementos de hostalería polos períodos de inactividade e as restricións, co fin de inxectar liquidez e axudar ao seu mantemento. Na primeira edición concedéronse en Ribadeo 51 axudas por un importe global de 144.000 euros.
Pola súa banda, a Vicepresidencia económica a Consellería de Economía, Empresa e Innovación puxo en marcha a través do Igape o programa para o acondicionamento de terrazas e a compra de elementos de envasado para domicilio, que sumou 184.800 euros en axudas para 16 hostaleiros do municipio.
Os apoios supoñen o 80% do orzamento mobilizado polos hostaleiros (231.000 euros). A maior parte do investimento realizado destinouse á instalación de peches estables ou desmontables así como outros elementos móbiles tales como toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas accesibles. En concreto, mobilizáronse para este fin 132.100 euros.
Outros 70.000 euros investíronse na adecuación estética e funcional das terrazas, mediante a renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e de aparatos calefactores exteriores, así como actuacións de mellora da fachada exterior do local.
Por último, 29.000 euros foron destinados á adquisición de elementos sostibles de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio local.
O delegado territorial gabou “o esforzo de adaptación que están a realizar os hostaleiros para poder exercer a súa actividade de xeito seguro, atendendo ás medidas sanitarias que seguen resultando imprescindibles para frear a pandemia”. Na mesma liña, destacou “a responsabilidade” coa que actúa o sector e sinalou que a Xunta “colaborou coa hostalería dende o primeiro momento e continúa realizando un esforzo orzamentario para axudarlles a superar os prexuízos que lles causa esta situación”.
Axudas ao comercio local
Outro dos puntais do sector servizos de Ribadeo xunto á hostalaría é o comercio local, cun forte peso no municipio. Neste senso, Javier Arias lembrou que a Xunta de Galicia tamén impulsou iniciativas para reactivar este sector tan prexudicado pola pandemia e chamou a atención sobre o último dos programas, o Bono Activa Comercio, posto en marcha pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
O delegado da Xunta en Lugo explicou que o bono Activa Comercio está a ter unha moi boa acollida, tanto por parte dos comerciantes coma dos consumidores. En concreto, no municipio de Ribadeo hai, por agora, 43 comercios adscritos a este programa e 152 consumidores que se descargaron algúns dos bonos.
Ademais, sinalou que o prazo para que os comercios se sumen a esta iniciativa rematará o vindeiro día 31, polo que aínda está aberta a inscrición na plataforma bonosactivacomercio.gal. No mesmo sitio web os clientes poden darse de alta e descargar os bonos, ademais de consultar a listaxe de comercios nos que poden obter os descontos.
O bono ten formato dixital a través dun código QR e funciona mediante unha aplicación para descargar no móbil. A contía da rebaixa dependerá do valor da compra: por un gasto igual ou superior a 30 euros descontaranse 5 euros; e por un gasto de 50 euros ou máis descontaranse 10 euros.
Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca a importancia de achegar axudas directas aos negocios de Ribadeo “para que non sufran máis”. Neste sentido, “o Grupo Municipal está a colaborar cos negocios polo ben do noso tecido económico e, en definitiva, da nosa vila”.
Os populares amosan o seu apoio aos negocios ribadenses e achegan información sobre as distintas axudas da Xunta das que se poden beneficiar. No caso do sector hostaleiro, os establecementos ribadenses recibiron 329.000 euros co primeiro plan de rescate da Xunta e o programa para mellorar terrazas. Foron 51 hostaleiros os que se recibiron 144.000 euros do primeiro plan de rescate e un total de 16 beneficiáronse de 184.000 euros de axudas do IGAPE para o acondicionamento de terrazas.
Vega bota en falta axudas directas por parte do goberno local: “o propio tecido económico local nos di que o goberno do BNG non axudou en nada”.