Site icon Crónica3.com A Mariña

“2021: odisea na Pesca”, Expomar 2021

Burela, 16 de maio, 2021. A Fundación Expomar celebrará as súas Xornadas Técnicas na mañá do xoves 20 de maio baixo o título “2021: odisea na Pesca”, que se poderá seguir a través de internet rexistrándose previamente na web www.expomar.com.

O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, abrirá a xornada ás 10:00h cunha intervención emitida desde o salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, desde onde tamén moderará o evento o director de Abanca Mar, Javier Fraga.

Como novidade este ano a Fundación Expomar propón un formato semipresencial, animando a tódalas persoas do sector pesqueiro a que poidan seguir en directo a xornada presencialmente desde o salón de actos da confraría. Rógase aos interesados chegar á sala con suficiente antelación, xa que o acceso tramitarase cun obrigado rexistro de asistentes e por suposto gardaranse tódalas medidas de seguridade marcadas polas autoridades sanitarias.

As Xornadas Técnicas Expomar 2021 analizarán a situación pesqueira actual desde a perspectiva da patronal e das administracións europea, central e autonómica, coa participación a distancia de Isabel Artime, directora xeral de pesca sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Emilia Gargallo, de DG Mare da Comisión Europea; Javier Garat, secretario xeral de Cepesca e presidente de Europeche; e Rosa Quintana, conselleira do mar da Xunta de Galicia, que se encargará da clausura en torno ás 13:30h.

O venres 21 pola mañá celebrarase o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reunirá de maneira virtual ás principais entidades representativas da frota galega e do sector pesqueiro a nivel nacional.

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están organizados pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

Exit mobile version