Ribadeo, 14 de maio de 2021. O Concello celebrou onte un pleno que estivo centrado en asuntos financeiros e económicos. Na sesión aprobouse unha partida de 150.000 euros para a nova edición da campaña das Panchas, a moeda local de Ribadeo, máis os custes de organización e promoción. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, explicou que tamén foi aprobada a amortización de débeda viva por importe de algo máis de 420.000 euros e outra partida para facer fronte ao pago de facturas do exercicio anterior que supoñen 266.000 euros.
O edil declarou que “no día de onte se celebraron dous plenos no Concello de Ribadeo e o segundo deles tratou basicamente de asuntos financeiros e económicos. En primeiro lugar, aprobamos a plan estratéxico de subvencións para o trienio 2021-2022 e 2023. É un acordo ao que nos obriga a lei xeral de subvencións e, no senso práctico, sérvenos de guía das actividades e dos obxectivos que queremos acadar, e tamén dos recursos económicos que hai que programar durante todo este tempo”.
Vizoso Galdo explicou que “tratamos tamén varios puntos relacionados coa incorporación de remanentes de tesourería para abordar varios asuntos. Un deles, aprobar o pago de facturas do exercicio anterior, por máis de 266.000 euros, e que non puideron ser pagadas no 2020 por diferentes motivos. Por exemplo, porque se presentaron ou porque se rexistraron unha vez pechado o exercicio anterior, outras porque se presentaron incluso neste ano, poucas porque presentaban algún tipo de discrepancia ou algunhas partidas porque a inicialmente prevista quedouse curta por ter que asumir durante o ano 2020 unha gran cantidade de gastos non previstos a causa da covid-19. Para poder facer todo isto, hai que aprobar antes un suplemento de crédito, unha especie de modificación nos orzamentos, e ten que facerse en pleno e despois de ter realizados outros trámites previos. Ese é o motivo de incluílo neste pleno”.
O concelleiro ribadense contou que “aprobamos tamén a amortización de débeda viva, é dicir de préstamos anteriores, por algo máis de 420.000 euros, unha cuestión que tamén resulta obrigatoria por lei sempre que no exercicio anterior se presente un resultado positivo, como é o caso do Concello de Ribadeo. Ademais deste xeito, mantense a ratio de endebedamento do Concello en niveis que seguen a ser realmente baixos en comparación con outras administracións e moi por debaixo dos límites establecidos pola lei, o que certifica o bo estado económico do Concello. É un estado bo, aínda que se debe precisar que axustado contablemente ao ter que asumir servizos para os que outras administracións ou non aportan ou aportan en escasa cantidade, sendo plenamente súas as competencias e non dos Concellos, e refírome por exemplo ao servizo de axuda no fogar, outros servizos sociosanitarios ou relacionados co ensino, ou noutros ámbitos”.
Pablo Vizoso dixo que “se incluíu no pleno tamén un punto de aprobación de suplemento de crédito, é dicir de ampliación de orzamentos, para destinar directamente á promoción de todo o comercio e ao tecido económico de Ribadeo. Nós, dende o Concello de Ribadeo, dedicámonos a gobernar para a veciñanza, para todos os sectores e para as actividades económicas de Ribadeo. Para a hostalería, que seguramente é o sector máis prexudicado por esta pandemia, e tamén para outras actividades comerciais que seguen facendo de Ribadeo unha referencia do comercio local de calidade e de proximidade con todas as vantaxes que iso supón. Por iso, imos lanzar unha nova campaña da nosa moeda local, a Pancha, para a que dotamos agora 150.000 euros máis os custes de organización e promoción”.
O concelleiro de Economía subliñou que “teñamos en conta que isto supón investir tres veces máis que o ano pasado, e xa foran daquela tamén ampliadas, co obxectivo de acadar un volume de negocio que supere os 600.000 euros. Levamos tempo traballando nesta iniciativa que, ademais este ano, presentará novidades na súa xestión para facela aínda máis interesante para moitas actividades e para gañar en axilidade nos pagos aos comerciantes. Tamén se facilitará que poidan participar compradores que sexan veciños de Ribadeo ou doutros concellos limítrofes ou que están máis lonxanos, facilitando a forma de compra das Panchas para gastalas no comercio de Ribadeo. Como digo, estamos neste momento ultimando todos os detalles da campaña e agardamos poder presentala e botala a andar en pouco tempo”.