Site icon Crónica3.com A Mariña

12.725 asalariados e 3.341 autónomos da provincia recibiron algún tipo de prestación social do Goberno o pasado mes

Lugo, 5 de maio de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que son máis de 16.000 os traballadores lucenses que recibiron algún tipo de prestación social no último mes. As prestacións abonadas polo SEPE e a Seguridade Social chegaron nese período a 12.725 lucenses asalariados e a 3.341 traballadores por conta propia.

As persoas en situación de ERTE na provincia eran a finais do mes de marzo 3.808, 1.264 menos que a finais de febreiro. A maior cifra de traballadores afectados por un ERTE na provincia rexistrouse a 30 de abril do ano pasado, cando chegaron a ser 15.982. A 30 de setembro, o 85,8% dos traballadores afectados por un ERTE incorporáranse ao mercado laboral. Desde setembro de 2020 ata febreiro de 2021, como consecuencia das restricións establecidas polas sucesivas ondas da pandemia, o número de traballadores en ERTe aumentou.

O SEPE abonou en febreiro 12,8 millóns de euros en prestacións sociais (ERTEs, desemprego…) a 12.725 traballadores lucenses. A contía que pagou o polos ERTEs na provincia nese mes foi de 2,3 millóns de euros. Desde abril de 2020, o gasto acumulado en prestacións sociais do SEPE supuxo 155,5 millóns, dos que 45,4 corresponderon a ERTEs. O importe total supón case o dobre do pagado no mesmo período do ano pasado, cando o importe fora de 66,1 millóns.

En canto aos traballadores por conta propia, 3.341 autónomos lucenses recibiron algún tipo de prestación da Seguridade Social desde o 1 de outubro, cando entraron en vigor as novas modalidades de axudas para autónomos, compatibles coa actividade, por cese ou limitación temporal de actividade ou por baixos ingresos. Desde o comezo da crise e ata o 30 de setembro recibiran axudas do Goberno un total de 11.653 autónomos da provincia

Outra prestación que forma parte do escudo social creado polo Goberno con motivo da crise sanitaria é o Ingreso Mínimo Vital. Deste novo dereito que xestiona a Seguridade Social, benefícianse 4.140 persoas na provincia, das que 2.300 son adultas e as restantes 1.840 son menores de idade.

Ademais, o ICO creou unha liña de avais vinculada ao COVID-19, con unha dotación de 100.000 millones de euros. Na provincia de Lugo, a 31 de marzo aprobáranse 7.520 operacións, o que supón un financiamento garantido de 545,8 millóns de euros para 4.844 empresas, en especial pemes e de autónomos.

Exit mobile version