Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada 2 da segunda fase, este sábado cun novo derbi galego, en directo pola web da CRTVG

Burela, 2 de abril, 2021. As Guerreiras Laranxas disputarán este sábado a xornada 2 da segunda fase cun novo derbi galego, con reencontro de final. Tras a final de Copa da Raíña Málaga 2020 e a Supercopa de España Burela 2021, o Poio Pescamar FSF e o Pescados Rubén Burela FS volverán verse as caras, pero esta vez en liga. Será mañá, ás 17.00 horas e a cita poderá seguirse en directo pola web de CRTVG, con previa e post en BurelaFS.tv.

“Temos unha cita moi especial, con emoción de derbi, na casa e coa nosa afección; será o primeiro duelo galego de liga en Vista Alegre. Esperamos que todos poidamos gozar dun gran partido e que os tres puntos queden aquí” confesaba Dany, autora do último tanto laranxa no historial recente entre as pontevedresas e mariñás con ese 2-0 que lles concedeu a terceira Supercopa de España o pasado 9 de xaneiro na Bomboneira.

Case tres meses despois reencontraranse no mesmo escenario, co ronsel engadido desa final de Copa da Raíña do 20 de decembro na que as Guerreiras tamén se alzaron co título con 1-0. Poio chegará con moitas ganas de romper a dinámica de favorito do Pescadso Rubén: “A fortuna acompañounos grazas ao noso traballo. Agora Poio virá con ganas de desquite, con ganas de demostrar, pero nós estaremos aí para impoñer o noso ritmo de xogo e non conceder nada” advertía a pivote hispano-brasileira.

Ambas as escuadras quererán dar continuidade ao bo inicio desta segunda fase, as burelistas coa vitoria ante Ourense Envialia FSF (1-4) e as de Poio cun valioso empate ante a revelación do Torreblanca Melilla (1-1). “É unha fase moi bonita, pero tamén moi complicada, con sorpresas; non se pode perder a concentración nin un só segundo” advertía a 3 laranxa.

Este será o segundo e último de suspensión de Julio Delgado tras a sanción ante Móstoles FSF. Elena Aragón non poderá entrar na convocatoria por unha escordadura de nocello.

Taquilla habilitada con 50 entradas

Por primeira vez en toda a tempada, Vista Alegre poderá abrir taquilla para non abonados. Poñeranse á venda un total 50 entradas, a partir das 16.15 horas.

-Non soci@s: 15 euros
-Soci@s sen abono: 10 euros
Imprescindible presentar DNI para a adquisición de entrada

-Abonados Mixtos e Femininos: Gratuíto

Exit mobile version