Site icon Crónica3.com A Mariña

Usuarios e traballadores do Centro de Maiores de Trabada celebran o segundo aniversario da residencia

Lugo, 25 de abril de 2021. Os usuarios e traballadores do Centro de Atención a Maiores de Trabada celebraron este domingo o segundo aniversario da apertura desta residencia da Deputación de Lugo. Ao longo de toda a xornada desenvolvéronse diferentes actividades, pero unha delas foi moi especial: un brinde virtual ao que se uniron familiares e amigos que non se quixeron perder esta xornada festiva.

A mañá solleira permitiu que gran parte das actividades se realizaran no patio do centro, onde se instalaron carpas que permitiron a presenza da banda de música Sons e Soños. Mantendo as rigorosas medidas fronte á Covid-19 de distanciamento social e protección individual, foi posible un concerto en directo que animou aos residentes a bailar e a aplaudir ao ritmo da música.

O brinde virtual tivo lugar ao mediodía e permitiu que as familias, as amizades, residentes doutras residencias provinciais e persoal do centro que non estaba de maneira presencial neste día, puideran compartir este momento en directo conectándose a través dos seus ordenadores e teléfonos móbiles. Á súa vez, tamén penduraron das paredes da residencia cartas e debuxos que lles fixeron chegar os seus achegados para felicitalos por estes dous anos de convivencia.

No Centro de Atención a Maiores de Trabada serviuse neste día de celebración un menú especial e gozaron dunha tarde de xogos e obradoiros.

Rede de residencias provincial
A rede de centros de maiores da Deputación de Lugo ten en funcionamento 5 centros na provincia: Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, coa previsión de que neste 2021 abran os de Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna.

Teñen un modelo propio baseado na esencia de que as persoas poidan permanecer no concello ou comarca na que pasaron toda a súa vida, rodeadas de caras coñecidas e residindo con veciños e veciñas. Un feito que mantén o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade, tendo en consideración que estas características intrínsecas do modelo afectan moi positivamente ao seu benestar físico e emocional.

Exit mobile version