A Mariña, 29 de abril de 2021. Arredor de 300 comercios asociados á FCAM participarán na campaña de bonos Activa Comercio, da Xunta de Galicia. A app descargarase a partires do vindeiro luns e os establecementos interesados poderán adherirse ata o 15 de maio a través da web www.bonosactiva-comercio.gal
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, agradece “o compromiso e preocupación para reactivar e impulsar a actividade comercial e hostaleira”. E considera que “esta campaña é unha oportunidade de incrementar as vendas e de fidelizar o consumo local nos negocios da Mariña”.
José Carlos Paleo e Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, visitaron este mediodía algún dos locais adheridos aos bonos Activa Comercio en Foz. Ambos mantiveron tamén un encontro no que analizaron as preocupacións do sector na Mariña, “falamos do ritmo da vacinación na comarca, dos peches perimetrais e de mobilidade, dos horarios da hostalería, da situación de Alcoa e dos nosos portos, do espigón Foz-Barreiros, do Corredor do Cantábrico, do Camiño do Mar e tamén aproveitei para solicitar actuacións formativas destinadas ao nosos asociados e asociadas”.