Foz, 13 da abril, 2021. Nunha reunión mantida entre as dúas partes, os dirixentes do Club focego transmitíronlle aos representantes da corporación municipal, o alcalde Fran Cajoto e a concelleira de deportes Gema Méndez, a idoneidade de que a vila de Foz sexa quen albergue o proxecto, e a concreción, dunhas pistas de atletismo na comarca da Mariña.
As razóns que sustentan a petición da Directiva do ‘Ría de Foz’ son múltiples e moi meditadas. Para comezar, o atletismo é un deporte que conta, cada vez cun maior número de seguidores, cunha base sólida e consolidada na comarca de clubs e atletas. Proba diso son a creación dun maior número de clubs, o aumento exponencial da cifra de licenzas deportivas (tanto a nivel de categorías inferiores como absolutas) e o alto número de eventos deportivos relacionados con esta práctica.
Ademais, o feito de carecer dunhas pistas de atletismo na comarca dificulta que os atletas poidan competir en igualdade de condicións cos que si teñen a posibilidade de adestrar nunhas. Mérito engadido ao traballo que xa se está a facer en Foz e noutras vilas mariñás. A día de hoxe, os atletas focegos, e por extensión todos os mariñaos, teñen que realizar viaxes de ida e volta de 2,30h de duración, como mínimo, para poder seguir os seus programas de adestramento. A vila de Foz é o centro neurálxico da comarca da Mariña. Feito este que contribúe, de maneira racional, a que o concello sexa a ubicación lóxica para acoller estas pistas de atletismo.
Asemade, o equipo de goberno de Foz é coñecedor do estudo profesional que a Directiva do ‘Ría de Foz’ encargou para amosar que é viable, sen ningún tipo de dúbidas, este proxecto. Os representantes mencionados da corporación focega, o alcalde Fran Cajoto e a concelleira de deportes Gema Méndez, amosáronse convencidos da necesidade do proxecto e da repercusión positiva que este suporía para a práctica deportiva e a vida económica do concello.
Desde a Directiva do ‘Ría de Foz’ búscase, deste xeito, mellorar as condicións de traballo do atletismo mariñao, unhas instalacións deportivas dignas e reais que aumenten, aínda máis, a base deste deporte e que leven a soñar con ser berce de grandes atletas. Traballo conxunto, para facer realidade unhas pistas de atletismo no “corazón” da Mariña.