Burela, 3 de abril, 2021. As Guerreiras Laranxas están imparables no arranque da segunda fase con sabor irmadiño. O Pescados Rubén Burela FS deixou a súa pegada de novo en derbi galego impoñéndose 4-1 sobre o Poio Pescamar. Tras o 1-1 ao descanso, as mariñás volveron á pista máis centradas e gañando en intensidade; a volta de vestiarios outorgoulles a vantaxe de 3-1 en tan só un minuto, que ampliaron a porta baleira na aposta de cinco de Manu Cossío.
O dominio e comodidade iniciais das mariñás derivaron en certas perdas de concentración que provocaron desaxustes perigosos para os intereses locais. Poio plantouse en Vista Alegre con defensa intensa en media pista para ir subindo aos poucos e tentar aproveitar así os erros mariñáns. O luminoso tivo estrea laranxa, con Dany en estratexia; a falta de 53 segundos para o ecuador do primeiro acto, o saque de esquina de Luísa Mayara a Ale de Paz deu o toque de saída. Poio recuperou táboas tres minutos despois precisamente en recuperación de Rivera sobre Peque. O luminoso mantívose sen cambios na primeira parte. Tras as perfectas aparicións de Sandra Buzón sacando a man por arriba ante a tentativa de Luci e freando a pena máxima de Clara no minuto 17, o Pescados Rubén tampouco puido aproveitar para poñerse por diante. No 18, Peque a punto estivo de dar a sorpresa desde pista laranxa, e no 19 Leti rozou o remate fronte a Caridad na chegada da capitá.
Regresou en avalancha o conxunto local para non deixar escapar nada. En tan só un minuto abriu a fenda ata o 3-1, no 23, coa capitá, Peque, sentenciando un gran contragolpe de Jane a Dany, e no 24 de novo con firma da 3 laranxa tras un perfecto entendemento entre Cami e Peque. Manu Cossío apostou por xogo de cinco con Irene pero a recompensa caeu de forma inmediata nas filas burelitas, co 4-1 de Jozi Oliveira a porta baleira. Con esa primeira acción, o Poio desistiu da porteira xogadora. Ale de Paz a punto estivo de anotar o quinto no 32 gañando a partida ante a defensa visitante; evitouno o traveseiro. Con máis de catro minutos por diante, Irene volveu enfundarse na camiseta de porteira xogadora sen éxito. Aínda dispuxeron as burelistas de dúas de ouro para ampliar a renda, con boa resposta de Caridad, no penalti de Cami e o dobre penalti de Peque.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Peque, Cami, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Ale de Paz, Bea Mateos, Luísa Mayara, Jane, Lara Balseiro, Jozi
Poio Pescamar FS: Caridad, Miriam, Daniella, Luci, Rivera, cinco inicial; tamén xogaron Antía, Clara, Agostina, Irene, Julia
Goles: 1-0, minuto 10, Dany; 1-1, minuto 13, Rivera; 2-1, minuto 23, Peque; 3-1, minuto 24, Dany; 4-1, minuto 28, Jozi Oliveira
Árbitros: Menéndez Nistal // Vilas López. Por Burela amarela a Peque (minuto 6), Dany (minuto 39). Por Poio amarela a Antía (minuto 15), Rivera (minuto 37), Luci (minuto 40)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 2 da segunda fase de Primeira División Feminina disputado en Vista Alegre. O Concello de Burela quixo render homenaxe a Luci; recibiu a antiga burelista en Vista Alegre facéndolle entrega dun detalle conmemorativo do título de liga conquistado en Málaga coa camiseta laranxa.