Durante os días 23 e 24 de abril, os usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal de Viveiro recibirán un agasallo doce ao retirar un libro. Doutra banda, todas as persoas que tomen prestados libros da biblioteca entre o 23 de abril e o 30 de abril poderán participar no sorteo dun lote de libros.
Ademais, o sábado 24 de abril representarase a obra de teatro xestual “Lázaro de Tormes”, a cargo da compañía Pedras de Cartón, dirixida a cativos e cativos a partir dos 5 anos.
O domingo 25 de abril presentarase o poemario “Amor de Nai”, de Mari Luz Balsa Rábade, ás 12:00 na sala multiusos do concello.
Doutra banda, en consonancia co seu compromiso medioambiental e con motivo do día da Terra, o 22 de abril, o Concello de Viveiro organiza Verdelendo, unha iniciativa que busca dar protagonismo á natureza e ós libros.
O Concello invita á cidadanía a compartir nas redes sociais un pequeno vídeo cunha lectura nun lugar natural da contorna de Viveiro. A publicación en redes sociais debe incluír o cancelo #verdeLendo e @concellodeviveiro.
“Celebramos a festa dos libros, eses compañeiros que nos permiten voar e que posúen toda a sabedoría necesaria para enriquecer o noso interior e o noso espírito crítico. Grazas a todas e todos os veciños e veciñas de Viveiro por manter tan viva a nosa biblioteca”, afirma Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.
En todos os eventos programados a propósito desta celebración, seguirase o protocolo sanitario de prevención contra o COVID-19.
“Queremos que a cidadanía de Viveiro poida seguir gozando da lectura, a pesar do contexto sanitario. Con esta programación non só impulsamos o hábito lector, senón tamén poñemos en valor a nosa contorna natural”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.