O Clásico, en Vista Alegre
O Pescados Rubén recibirá a Futsi Atlético Navalcarnero o vindeiro sábado, 17 de abril, no Clásico de Primeira, ás 18.30 horas. Vista Alegre abrirá a taquilla con 50 entradas (15 euros/público xeral e 10 euros/ soci@s sen abono. Imprescindible presentar DNI).
As pupilas de Julio Delgado tiveron que remar contra o electrónico. A iniciativa murciana chegou aos 14 segundos de xogo, cun saque de esquina culminado por Alba Gandía. As Guerreiras responderon ben e despregaron o seu particular bulebule para ir apropiándose do esférico e das ocasións. Ale de Paz asinou o 1-1, no minuto 5, nun córner de Peque materializado pola de Neda sen contemplacións. Roldán tentou facer fronte ao despregamento burelista cunha defensa alta para incomodar as saídas galegas. Tivo Pescados Rubén os seus mellores minutos en ofensiva despois da medianía do primeiro acto con Lara Balseiro, Bea Mateos e Dany; Ale de Paz a punto estivo de repetir xesta sobre a rede fronte á boa resposta de Cristina cos pés. Roldán, exemplo de intensidade durante os corenta minutos, suspirou pola vantaxe no minuto 15, nunha tentativa de Lola á que non puido chegar Noelia ao segundo pau, con resposta de vertixe entre Peque e Jane. Antes do descanso, as burelistas atoparon o premio merecido nunha perda de Lola que cazou Dany para cederlla a Leti (minuto 18).
O conxunto de Juan Alcaraz volveu á pista para dar continuidade ao perigo xerado por Andrea antes da bucina, ver portería e poñer táboas, de novo con Alba Gandía (minuto 23), fronte a Jozi, e respondeu Pescados Rubén con outra boa dose de perigo. Dany non puido controlar o pase de Peque fronte á rede local pero acto seguido a nedense, Ale de Paz, non errou para selar o terceiro, apoiándose na capitá laranxa. Volveu avisar a 17 burelista en contragolpe. Dispuxeron das mellores as murcianas sobre o ecuador do segundo acto, con Alba Gandía nun disparo afastado cruzado que rozou o pau e Jozi freou a Noelia. Aproveitou entón o conxunto galego para ampliar distancias con Lara Balseiro en galopada pola banda, mitigada nos seguintes compases por Marta Pelegrín. Tras o perigo protagonizado de novo por Ale de Paz, Roldán apostou por xogo de cinco con máis de tres minutos por diante. Peque non puido dar máis comodidade ao resultado transformando o penalti tras a falta sobre Ale de Paz, pero pouco despois Jane subiu o quinto nunha gran saída con perfecta definición para aferrarse aos tres puntos.
Ficha técnica
STV Roldán FSF: Cristina, Alba Gandía, Noelia Montoro, Mariángeles, Ángela, cinco inicial; tamén xogaron Lola, Marta Pelegrín, Marta, Consuelo, Cristina Sánchez
Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Peque, Lara Balseiro, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Ale de Paz, Leti, Jane, Elena Aragón, Jozi Oliveira
Goles: 1-0, minuto 1, Alba Gandía; 1-1, minuto 5, Ale de Paz; 1-2, minuto 18, M. Cortés; 2-2, minuto 23, Alba Gandía; 2-3, minuto 24, Ale de Paz; 2-4, minuto 35, Lara Balseiro; 3-4, minuto 35, Marta Pelegrín; 3-5, minuto 39, Jane
Árbitros: Hidalgo Marín // Martínez Martínez. Por Roldán amarela para Marta, Cristina. Por Burela amarela para Lara Balseiro, Julio Delgado.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 3 (segunda fase) de Primeira División disputado no municipal Gabriel Pérez Sánchez.