Ao sorteo celebrado hoxe asistiron o concelleiro de Comercio, Chema Linares, e a xerente de AciaFozCCA, Ana Segade, que se porá en contacto cos premiados para entregarlles os vales.
As Xornadas Gastronómicas imPULSA Foz son organizadas polo Concello en colaboración con AciaFozCCA. O edil de Comercio fixo unha “valoración moi positiva desta 17ª edición da Ruta de Tapas de Semana Santa, aínda que as restricións impediron que se desenvolveran con total normalidade polas limitacións nos aforos e por ter que pechar ás 21 horas, o que prexudica bastante aos establecementos. Pero aínda así algúns chegaron a repartir cerca de 200 tapas e en xeral quedaron contentos porque houbo moita afluencia de xente, incluso houbo quen comparaba co verán”.
Chema Linares agradece “o gran esforzo que fixeron os establecementos na preparación destas tapas que requiren moita elaboración. Grazas á súa implicación esta tradicional Ruta de Tapas de Semana Santa volveu ser un éxito. Esperemos que a edición do vindeiro ano poida facerse sen restricións”.
As xornadas gastronómicas imPULSA Foz continuarán do 16 ao 18 deste mes e nesa fin de semana estarán dedicadas á horta da Mariña.