O alcalde de Burela, Alfredo Llano, contou que “onte fixemos unha reunión ordinaria do comité executivo da Fundación Expomar, xa estaba acordado facela despois da Semana Santa. Basicamente estivemos estudando todo respecto ás Xornadas Técnicas e ao Encontro Empresarial que pretendemos facer os días 20 e 21 de maio”.
Llano subliñou que “decidimos este ano non facer a Feira Náutico Pesqueira Expomar, aínda que houbese máis ou menos oportunidade a partir do verán. Pensamos que agora mesmo xa non é fácil organizar todo, dado o estado de confusión non hai seguridade suficiente. Xa iremos preparando a edición do ano 2023 porque no 2022 respectamos, tamén os demais nos respectan, as feiras que se fan en Vigo e en Bilbao. Loxicamente neste espazo de tempo imos procurar estar sempre ao lado do sector náutico pesqueiro facendo aquelas cousas que son necesarias e oportunas para o sector”.
O rexedor burelés dixo que “estivemos mirando qué temas realmente preocupan ao sector. Agora mesmo o sector náutico pesqueiro está moi afectado por diversas circunstancias e hai moita preocupación. Polo tanto, estamos abertos aínda pero queremos abarcar o máximo posible aquelas problemáticas que preocupan e que indican como vai ser o futuro da pesca. Imos mirar se podemos enfocalo cos mellores poñentes e explicar que está acontecendo e vai acontecer no futuro con respecto á pesca. Xa nos puxemos a traballar para ver quen pode participar. Aínda non podemos dicir con seguridade ningún, moitos deles teñen intención, pero hai que confirmar. A semana que ven volvemos reunirnos para anunciar quen van ser os poñentes. Estamos mirando que sexan da administración central e da administración autonómica. Como sempre contamos coa Consellería de Pesca e co Ministerio de Pesca, se é posible. Ademais cos poñentes que pola súa responsabilidade tamén poidan aportar aquí en Burela”.
Alfredo Llano engadiu que “hai moita preocupación polo Brexit, a lei de pesca con todo aquilo que afecta como os motores, a biodiversidade, o combustible e toda aquela temática que son retos para o futuro. Este ano tamén faremos telematicamente o Encontro Empresarial e as Xornadas Técnicas, que van ser o 20 de maio, a partir das dez e media da mañá ata a unha e media e van estar abertas á participación do público. Pensamos que son interesantes, o ano pasado fixemos deste xeito e tivo unha repercusión moi positiva. O encontro empresarial tamén o faremos telematicamente”.