Site icon Crónica3.com A Mariña

“Se queres ser cidadán, paga por unha conta no banco”, por Antonio Gregorio Montes

Ata o de agora, chegaba con nacer nun lugar para ser cidadán del, ou, alternativamente, nacer de determinados pais para ter a mesma cidadanía que eles. Ata o de agora. E é que está a cambiar a cousa. E non estou nin sequera a falar da compra de cidadanía por inversión de unha determinada cantidade que coido que a última vez que vin algo do tema, era unha inversión inmobiliaria de medio millón de euros, pero dá igual se a cifra é dobre ou metade. Estamos nun tempo de cambio onde levando por diante a revolución dixital como bandeira, unha determinada dixitalización , non a única posible, está a levarnos por diante a nós. Hai múltiples indicios -e non tan só indicios- nese sentido, mais pode que o máis alucinante podes atopar outro adxectivo se che peta sexa o aproveitamento dobre da dixitalización.

Explícome. Hoxe, vas a un banco e literalmente non te queren alí. Demasiado custe para as arcas bancarias, segundo parece. Queren os teus cartos, claro, ou mellor aínda, que consumas ‘produtos’ bancarios, sexan tarxetas ou préstamos, de xeito que te podan cobrar a máis de polo mantemento da conta, polo produto en cuestión. Pero é que actúan como se xa consideraran os cartos coma seus antes de que entres pola porta…

Entón, vas e pensas cousas referidas ó banco e ás contas que poidas ter nel como ‘non me fan falta’, ou ‘podo prescindir deles’ e semellantes. Pero resulta que estás trabucado. Se non usas os seus produtos, entón cóbranche máis por manter unha conta. E se anulas as contas bancarias? Pois entón non podes nin pagar impostos nin recibir subvencións, aínda descontando que podas cobrar en man o salario correspondente e outra morea de cousas. Non é xa só que te podas sentir marxinado, senón que ou pagas ou te expulsan do sistema. Ou sexa, teñen os teus cartos secuestrados para sacarlle réditos: os inconvenientes, para ti, chega con que lle pagues as cotas que che pidan.

Chegados a este punto, lembro unha vella coña que circulaba hai tempo e que vexo en parte materializada no que expoño. A cousa ía máis ou menos así, nunha conversa entre un labrego e un entendido no tema:

– E logo, cal é a diferencia entre o comunismo e o capitalismo?

– Pois… ti tes unha vaquiña que coidas, alimentas e che dá leite, non?

– Teño.

– Pois os comunistas quítanche a vaquiña.

– Ai, non! E os capitalistas?

– Os capitalistas déixanche a vaquiña para que a manteñas.

– Ah! Ben.

– … logo quítanche o leite.

E mentres, entéraste pola prensa de que hai países que queren desfacerse dos cartos en papel: máis negocio para os bancos, máis posibilidade de control para o estado ou quen o controle. E lembras que os bancos públicos, é dicir, con vocación de servizo como obxectivo, desapareceron salvo para actuar como reguladores e imprimir moeda… aínda que sexa virtual!

Nota final: outro día podemos falar dun tema lateral neste caso e central na economía actual, o que é o que son os cartos.

Exit mobile version