A Deputación de Lugo, a través da súa área de Cultura, escolleu Viveiro como un dos municipios que acollería este tipo de intervencións artísticas arredor da figura de Rosalía.
“É un orgullo poder divulgar a figura de Rosalía nun lugar tan emblemático como é a entrada da nosa biblioteca municipal, onde poderemos contemplar ou fotografar o mural”, afirma Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.
Estas actividades forman parte do programa impulsado en diferentes concellos pola vicepresidencia da Deputación para eloxiar á autora, que comezaron o pasado 24 de febreiro, data do seu nacemento.
“Agradecemos o labor realizado pola Deputación de Lugo na posta en valor da autora máis importante na nosa lingua. Este tipo de iniciativas permiten que conectemos a cultura coa mocidade, empregando as súas linguaxes”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Así, dende esta semana, as persoas interesadas poderán achegarse ata a Biblioteca Municipal de Viveiro para contemplar a súa renovada entrada, onde loce agora o mural de Van Frakt. O rostro da escritora preside o espazo, a escasos metros dos andeis que albergan os seus libros.